Sveta

Enterámonos que de entre os cascallos da acometida do día anterior acababan de rescatar catro corpos máis, en total 21 mortos só nese ataque. Para nós sen nomes, só números horribles
Aula derrubada despois da destrucción da facultade politécnica da Universidade de Kharkhiv. EP
photo_camera Aula derrubada despois da destrucción da facultade politécnica da Universidade de Kharkhiv. EP

NA FACULTADE politécnica da Universidade de Kharkhiv o mesmo aprenden a fabricar un coche, gravar un disco de música como a amañar un tanque de guerra. Se cadra por isto último foi obxectivo dun mísil ruso, se cadra... Seguro que había moitas máis aulas e obradoiros ca eses que nomeei e que nós puidemos ver, porque salvaron da destrucción desa mesma mañá. Toda unha parte do edificio derrubouse coma un castelo de area, nela estaba Sveta, a bedel que durmía alí, 42 anos. O local no que descansaba quedou baixo os cascallos. De ela quedou a súa última comida, un prato de berenxenas con patacas que prepara antes de durmir. Ao mediodía, as súas compañeiras e compañeiros, o claustro da facultade que aínda queda na cidade, despedíana xuntos na gasolineira que hai a carón do que queda en pé da facultade. O prato de berenxenas con patacas no lugar de Sveta. Sobre a mesa varias botellas de licores, algún deles xa ten as meixelas coloradas de beber delas. Eses mesmos profesores e profesoras estaban unhas horas antes a intentar salvar o que podían no que quedaba de facultade. Con algúns nos cruzabámonos nos corredores cheos de cristais e po, minutos antes, ían cargados con computadores, ou libros cheos dese po que todo o cubre tras as explosións. Levantan a cabeza ao cruzarse co home do chaleco azul, se cadra excesivo nese momento, que pon press, miran con tristura, e continúan a salvar o que poden. As olladas abondan nestas situacións. O que queda das aulas son pupitres cheos de cristais. Fóra os libros e apuntamentos mistúranse co resto de cascallos. Xa perdín a conta de cantas escolas, institutos ou universidades destruídas levo visitado nestes meses. A educación, cando van pola educación xa sabemos que é o que queren. O mesmo dá que sexa dende bases militares ou dende despachos enmoquetados, quen quere que a mocidade non aprenda a pensar o que quere é tela baixo o seu control. Escribo hoxe dende Zaporiyia, acabamos de saber que na zona ocupada desta provincia o exército ruso está a intimidar ao profesorado. Filtrouse a gravación dunha conversa na que un militar ruso pregunta a un grupo de profesores quen deles está disposto a ir «reciclarse» en Crimea e comezar o curso o 1 de setembro. O militar insiste en que sobre todo teñen que mudar o currículo de Historia, ao negárense o profesorado foi ameazado con seren chamados a loitar e ubicados na fronte. Esta conversa está publicada en varios medios locais.

Non hai moito Amnistía Internacional causaba un gran rebumbio no país ao dicir nun informe que o exército ucraíno puña en risco a vida da súa propia xente ao ubicaren defensas antiaéreas neste tipo de recintos. O propio Zelenski acusou á ONG de pór ao mesmo nivel a verdugos e vítimas. Dende o 25 de febreiro pasado os centros educativos están baleiros de alumnado. As defensas antiáreas e a artillería sitúanse nos lugares que o exército acha máis axeitados para defendérense. Témolos visto en rúas —moi poucas veces— pero sobre todo en grandes patios ao resgardo das olladas indiscretas que puideran chivar a súa localización. En ocasións eses patios poden ser de centros educativos, de centros comerciais pechados, vivendas en obras... teñen que ser zonas amplas. Entendo o traballo de Amnistía Internacional, pero tamén entendo o enorme enfado que ese informe causou na opinión pública ucraína, e creo que con razón. Non se pode culpar ao exército ucraíno polos ataques rusos. Para que quede claro, no caso da facultade de Kharkiv, á que chegamos horas despois do ataque —o noso hotel estaba a pouco máis de 1.500 metros e oímos e sentimos os estouridos perfectamente— non vimos chisco de presenza militar agás ese obradoiro cunha maqueta a tamaño natural dun tanque de guerra do tempo de María Castaña. Estando alí enterámonos que de entre os cascallos da acometida do día anterior acababan de rescatar 4 corpos máis, en total 21 mortos só nese ataque. Para nós sen nomes, só números horribles. De Svetana pouco nos quixeron contar os seus compañeiros, agás que gustaba moito de cociñar. Alomenos podemos adicarlle a ela, á súa memoria e nome, esta pequena historia.