Tomando distancias

Os relevos en Londres e París están provocando algunhas novidades substanciais nas relacións con Washington. Os recentes encontros, por separado, de Gordon Brown e Nicolás Sarkozy con George Bush veñen suscitando numerosas e controvertidas lecturas. No caso británico, unha vez que a implicación de Blair na guerra acentuase a súa perda de popularidade, especulouse moito sobre a actitude do seu sucesor. Brown, nalgunhas declaracións a propósito de Afganistán e do propio Iraq, semellaba buscar certo distanciamento. Na visita a EEUU de xullo pasado,o premier británico non defraudou e pese ás declaracións de apoio formal, Brown esforzouse por dar unha imaxe un tanto afastada do relativamente estraño idilio mantido por Bush e Blair. Con seguridade, as relacións bilaterais desenvolveranse agora nun plano máis oficial, antesala dun probable anuncio de retirada das tropas británicas estacionadas en Iraq.

Polo que atinxe á diplomacia gala, a visita do ministro de exteriores Kouchner a Bagdad, a primeira dun alto funcionario galo dende o inicio da guerra en 2003, podería indicar algúns cambios no sentido contrario. Kouchner, que non se reuniu con ningún oficial estadounidense, comprometeuse ante o presidente Talabani a apoiar a estabilidade en Iraq. A visita produciuse nada mais rematar as vacacións de Sarkozy en EEUU, explicitando certo achegamento de posturas entre Washington e París, preparando o terreo para ir pasando páxina dos enfrontamentos mantidos ao longo dos últimos catro anos por mor da guerra de Iraq. Así pois, as diverxencias entre o Eliseo e a Casa Branca de tempos de Chirac poderían ter os días contados, se ben haberá que agardar acontecementos e comprobar se París se aliña de todo ou en parte e se vai seguir tamén os pasos de Washington en temas clave como o alargamento da OTAN ou o ingreso de Turquía na UE, asuntos nos que as discrepancias son de fondo e afectan, por así dicilo, a aspectos tradicionais da política exterior gala.

Inmersos xa na conta atrás para as eleccións presidenciais en EEUU, aínda que Bush tente premer no entusiasmo dos seus aliados para non empeorar máis as cousas aos republicanos, cabe imaxinar que nin Sarkozy nin Brown, en espera de acontecementos, irán máis alá do estritamente necesario no entendemento coa súa Administración.

(Xulio Ríos é director do IGADI)

Comentarios