Saír de Odesa cara Moldova ou Romanía complicouse moito dende que os rusos bombardearan a ponte sobre a baía do Dniester esta mesma semana. Agora só hai unha estrada que acumula todo o tránsito. Esta mañá tardamos máis de dúas horas en percorrer 40 quilómetros por ela. Unha vez atravesada a fronteira moldava aínda quedan un 60 quilómetros. A Transnistria non puidemos entrar, visitamos o límite onde hai un posto de policía moldava. Non o podemos chamar fronteira porque sería asumir que esa rexión separatista é independente de Moldova, e iso nin sequera o recoñece Rusia.
En Transnistria viven oficialmente preto de medio millón de persoas, pero moitas —dinnos que pode ser que máis da metade— terían abandonado a zona dende que comezou a invasión rusa do país veciño. Os transnistrios teñen pasaporte moldavo, explícanos Dimitri, o noso fíxer hoxe, e que Moldova pretende gañarse a confianza deste pobo rusoparlante, Teñen abertas as portas do resto do país e mesmo facilidades comerciais —as empresas transnistrias exportan baixo a legalidade moldava— para tentar convencelos das bondades de pertenceren a esta república, sen revanchismos: Transnistia autoproclamouse independente tras unha pequena guerra entre 1991 e 1992. Algúns deberían tomar nota.
En Transnistria non funcionan as liñas móbiles moldavas, nin teñen acceso a internet libremente, só saben o que quere Moscova que saiban. O paso pola liña divisoria é fluído, pero escaso. No par de horas que estivemos alí non pasaron nin unha ducia de coches, ninguén quixo falar connosco. Malia ser este só un control policial e sen militares polos acordos internacionais, non puidemos gravar nin tirar fotos. Entre o control moldavo e o transnistrio hai un grupo de observadores internacionais que controlan que todo funcione na zona. Tampouco foi doado falar coa xente de Hagimus, a pequena vila onde se ubica o control. Quen aceptou falar fíxoo coa condición de que non o gravaramos, e é que aquí ninguén quere problemas. Están moi pendentes do que pasa en Ucraína, pero non dan crédito a que uns xornalistas estranxeiros se preocupen polo que pasa nas súas rúas, maioritariamente sen asfaltar e rodeadas de leiras e vacas.
Un mozo —militar, por iso obviamos o seu nome— acompañounos un bo rato. Quería ver os vídeos que tiñamos de Bucha e do resto de zonas de Ucraína. O pequeno exército moldavo está en alerta, así como a policía, máis que polo medo a que Transnistria ataque ao resto do país porque a poucos quilómetros, en Bender, hai un almacén de armas e munición rusos, e de ser atacado por Ucraína as consecuencias poderían chegar até esta beira.
Aquí están convencidos de que os ataques dos últimos días son provocacións rusas, que quere despistar aos ucraínos para que acheguen máis tropas ao oeste do país, coincidindo xusto cunha escalada da ofensiva tanto no Donbas, do outro lado do país, coma no sur, de onde tería que desprazar tropas o exército ucraíno para defenderse dese suposto ataque transnistrio.
Hai unhas horas Rusia atacou o aeroporto de Odesa, deixando inutilizada a pista, mañá ben cedo volveremos cruzar a fronteira para seguir no terreo a evolución da invasión