Turquía rompe a tradición laicista
no ''sillón de Atatürk''

Abdulá Gül converteuse hoxe no primeiro presidente de conviccións islamistas da República de Turquía, rompendo unha tradición de laicismo de 84 anos. O seu camiño ata a presidencia do país "bisagra" entre Europa e Asia non foi sinxelo, pois os grupos de esquerda do país ven o seu trunfo como un paso atrás na incorporación de Turquía á Unión Europea, e temen unha radicalización relixiosa do país.

O Partido da Xustiza e o Desenvolvemento (AKP), a formación política de Gül e do primeiro ministro Recep Tayyip Erdogan, controla 341 dos 550 escanos do parlamento turco. Na práctica, isto é unha axuda para Abdulá Gül. O ata agora ministro de exteriores só precisa de maioría absoluta. Nas primeiras votacións celebradas a semana pasada, sen embargo, tiña que chegar a ter o apoio de dous terzos dos deputados.

Pero o Partido Republicano do Pobo (CHP) non estivo pola labor de facilitarlle as cousas ó seu rival político. A principios de maio, o principal partido da oposición conseguiu coa súa ausencia no parlamento que Gül renunciase á xefatura de Estado, ó non alcanzarse ó quórum necesario na sala para as votacións.

Ante a situación sen saída no parlamento, e a resposta de miles de cidadáns que saíron á rúa protestando contra o goberno conservador, o primeiro ministro Erdogan viuse na obriga de convocar eleccións lexislativas, nas que saíu claro vencedor.

Islamización do Estado
Detrás das negativas dos republicanos atópase o medo a que os conservadores, co control da xefatura de Estado e de Goberno, lle dean un xiro á política relixiosa do país, e cobre máis importancia o islamismo.

Dende a súa fundación como estado moderno en 1923, Turquía caracterizouse por unha profunda separación entre institucións políticas e relixión, máis avanzada incluso que a que tiñan moitos países no corazón de Europa. O primeiro presidente da República, Mustafá Kemal, Atatürk,  introduciu reformas de gran alcance que estableceran un estado moderno, democrático e secular.

Para os detractores de Gül, o legado de Atatürk pode saltar polos aires coa súa designación. Unha preocupación semellante é a que teñen os membros do exército, que onte mesmo advertían que non se ían a quedar de brazos cruzados se se atenta contra "os piares laicos de Turquía".

O equivalente islámico ós democristiáns
Estas advertencias continuadas do exército foron un estorbo máis que unha axuda para a oposición política. Mesmo a vitoria de Erdogan nas lexislativas podería explicarse como unha mobilización da cidadanía fronte ás intervencións dos militares en política, e tamén fronte a alianza entre a esquerda e os nacionalistas, que constitúen a terceira forza política, e que moitos turcos ven como unha ameaza ó progreso maior que a relixiosa.

O AKB non é realmente unha formación de base relixiosa, senón un partido no que a práctica totalidade dos seus integrantes son musulmáns practicantes. Un equivalente ós partidos democristiáns de Europa, e de feito, é membro observador do PP europeo. E ó igual que os 'populares', o AKB predica o liberalismo económico en toda a súa extensión.

Tampouco axuda a dar unha percepción moderada do novo presidente o feito de que a súa muller leve o veo islámico en público dende a súa adolescencia. Turquía é un país estremadamente celoso da súa liberdade relixiosa, e iso imposibilitaría que a consorte do xefe de Estado puidese acceder a moitos edificios públicos, nos que se prohibe a ostentación relixiosa.

Traxectoria de Gül
E se os críticos con Gül se centran en cuestións relixiosas, os partidarios apóianse na súa traxectoria. Este doutor en economía de 57 anos, que cursou parte dos seus estudios en Londres, conseguiu facerse coa confianza dos seus interlocutores occidentais durante o seu paso polo Ministerio de Asuntos Exteriores. Quizais este diplomático fose quen máis loitou pola entrada de Turquía na Unión Europea.

O primeiro ministro Erdogan, que manifestou reiteradamente a súa incomodidade con cuestións internacionais, non dubidou en delegar na súa man dereita (“o seu irmán”, como ten manifestado en moitas ocasións publicamente) para levar as xestións coa UE.

Os que agora pintan a Gül como un reduto do islamismo radical esquecen que el foi o maior promotor no goberno turco da reunificación de Chipre, cuestión coa que conseguiu a oposición do exército que non o abandonou ata hoxe. Moito máis que un apoio ou un axudante de Erdogan, Gül é unha figura política de mesmo nivel. Xuntos, para ben ou para mal, fundaron e dirixiron o Partido da Xustiza e Desenvolvemento (AKP), case en tándem.

A Unión Europea, á espera

A integración na Unión Europea é un dos grandes retos dun país que se declara máis occidental que asiático, en parte pola simbiose económica que mantén con Alemaña, que acolle a tres millóns de emigrantes turcos.

O presidente francés, Nicolás Sarkozy, aportou onte o seu grao de area á estabilidade do goberno conservador turco, admitindo que el non sería obstáculo para a integración de Turquía na UE se hai consenso. Sarkozy non negou que el prefire, como xa anunciara na súa campaña electoral, unha política de colaboración estreita, pero con Turquía fóra dos estados membros. En todo caso, a postura francesa é moito máis cercana dende que no país galo, ó igual que en Turquía, gobernan conservadores.

Comentarios