Os últimos de Zaporiyia

Como pode un coche non ter nome? Elixín Dimitry, pero a Andrey pareceulle que era nome de coche grande, e quedou en Pavel
Edificio derruido. M.M
photo_camera Edificio derruido. M.M

NO COMPLEXO metalúrxico Azovstal de Mariupol xa só quedan os combatentes ucraínos, os derradeiros civís que alí se acubillaban xa están en Zaporiyia, en zona ucraína. A espera foi longa. Nós estivemos 12 horas agardando por eles no punto de recepción, pero iso non foi nada: a operación de rescate durou máis de dez días. A viaxe entre Mariupol e Zaporiyia, 190 km, día e medio. A operación tivo que adiarse varias veces porque os rusos non respectaban sempre o alto ao fogo.

Fabiano Abreu, portugués residente en España e traballador das Nacións Unidas, formou parte do equipo de rescate. Cando chegou co derradeiro grupo de Azovstal, 51 persoas, mulleres nenos e anciáns, notábaselle o cansanzo na cara misturado co alivio de saber que, malia todo, ao final esa xente está a salvo. Cámbialle a faciana a tristura cando nos conta que non puideron traer a todas, que nos controis de filtrado ruso algunhas quedaron detidas acusadas de seren combatentes.

Eses filtrados foron mesmo invasivos, foi o termo que Fabiano utilizou e non quixen preguntarlle en que sentido o dicía, porque a súa cara xa mo contaba, podo imaxinar que non quedou un anaco de pel do corpo desas xentes por inspeccionar en busca de tatuaxes, de morados que indicaran o uso de armas, etc.

De Zaporiyia a Odesa hai 500 km, pero nós tivemos que facer preto de 800, non se pode coller a ruta sur que pasa por Mykolaiv xa que atravesa territorio controlado polos rusos. Ademais, varias pontes están inutilizadas e os desvíos da estrada principal son continuos. Levounos dez horas chegar. Pavel, o coche de Andrey, tróuxonos seguros e rápidos dadas as circunstancias. Pavel non estaba bautizado até hoxe: pregunteille ao meu compañeiro polo nome do coche, díxome que non tiña. Como pode un coche non ter nome? Elixín Dimitry, pero a Andrey pareceulle que era nome de coche grande, o seu é un golf de gasolina cunhas letras xigantes azuis nas que se le ‘Press’, así que quedou en Pavel.

Así vos foi a viaxe, entre chiste e chiste. Creo que xa o comentara nalgunha crónica anterior —ou sería para La Voz de Galicia...?—, aquí o humor é unha necesidade. As estradas están casi baleiras agás camións e movementos militares. Non pode ser de outro xeito, en Ucraína escasean os combustibles. A meirande parte das gasolineiras están xa pechadas. Atópase gas, pero é o combustible menos utilizado. Nós pagamos o litro de gasolina a tres veces o seu prezo, en cupóns en negro, e sen que iso nos asegure que a imos atopar: se a gasolineira desa casa en concreto ten gasolina é só para os que teñen cupóns. Mercamos 100 litros, só puidemos botar con eles polo de agora 10.

En Zaporiyia conseguimos en cher o depósito, a prezo de ouro, e que nos encheran 2 garrafas de 10 litros, con iso emprendimos viaxe, e chegamos. Chegamos xusto para ver os restos do centro comercial Riviera. Foi un avión, cargado con 7 mísiles ‘vintage’, da época soviética, quen os deixou caer sobre este centro comercial e sobre un hotel desta cidade turística. Unha persoa morta e 5 feridas, pero sobre todo é un paso de xigante na ofensiva rusa contra esta cidade. Ata o de agora só atacara infraestruturas ou obxectivos militares. Agora parecera que lle queren meter o medo no corpo á xente para que a abandone.

Xa en Odesa xantamos-ceamos sushi. Escribo isto porque moita xente pensa que Ucraína é só destrución, que durmimos todos en búnkeres e que nos duchamos cada tres días en auga fría. Nada que ver. Escribo isto dende un cuarto de hotel máis grande ca algúns pisos nos que teño vivido. Debinlles caer ben da outra vez que estiven e déronme unha especie de suite. Saberei se foi pola miña simpatía ou por todo o contrario cando vexa a factura. A culpa de que a xente pense que todo Ucraína é un país en ruínas é por suposto nosa. Na tele non sae o meu hotel, nin o sushi, é normal, as noticias son así. Con ou sen gasolina, Ucraína é un país que quere tirar para diante, péselle a quen lle pese.

Comentarios