Xapón autoriza a revisión da central nuclear danada polo último gran terremoto

Complexo eléctrico de Kashiwazaki-Kariwa, Xapón
photo_camera Complexo eléctrico de Kashiwazaki-Kariwa, Xapón

Tras varios días negándose, o goberno de Tokio aceptou que un grupo de inspectores da Axencia Internacional da Enerxía Atómica entre na central nuclear de Kashiwazaki-Kariwa, para avaliar os danos producidos recentemente durante o seísmo que afectou ó centro de Xapón.

O terremoto provocou lixeiras fugas de material radioactivo e un incendio dun dos transformadores desta central nuclear (a maior do mundo) situada nunha zona de gran tensión sísmica.

Un comunicado do Instituto de Radioprotección e Seguridade Nuclear (IRSN), punteiro na investigación de perigos en centrais atómicas, sinalaba días despois do sismo que a central presentaba 67 anomalías, ningunha perigosa nun primeiro momento, pero que podían empeorar con futuras réplicas.

Mesmo se o ministerio de industria xaponés segue afirmando que non hai ningún risco para a saúde dos xaponeses e que se trata tan só dunha medida preventiva que confirme que o goberno non ten nada que esconder, Hirohiko Izumida, gobernador de Nigata, zona onde se atopa o reactor, pedía estes días transparencia e unha investigación a fondo. “Penso que sería bo que unha organización internacional e independente verificase a situación", sinalou Izumida, "É a forma de ter transparencia e estar seguros de que se divulga información exacta".

Comentarios