Xapón non consegue aumentar a súa cota de capturas de baleas

Xapón rendeuse á evidencia. A Comisión Baleeira Internacional (CBI), hoxe dominada polo lobby anti-caza, manifestouse en contra de concederlle ó país asiático o dereito de cazar baleas por razóns de subsistencia. Nin votación fixo falla, porque o país nipón, en vista de que os tempos non lle son favorables, retirou a moción.

As peticións de Xapón estaban baseadas nunha das cláusulas da moratoria que impide a caza comercial das baleas. A CBI permite a caza a algunhas comunidades aborixes, coma algúns indíxenas de Alaska, Rusia, Grenlandia, San Vicente ou as Granadinas. A proposta xaponesa defende que a caza destes cetáceos foi unha actividade fundamental para os pequenos baleeiros xaponeses dende o século XVII.

Sen embargo a situación política variou moito dende o ano pasado, cando a representación nipona conseguiu que máis da metade dos representantes votase en contra da moratoria que impide a caza. Con todo, non conseguiron eliminar esta medida, para o que tería sido necesario o 75% dos votos.

Hoxe, Tokio conta cunha forte oposición de países como Estados Unidos, Australia, Gran Bretaña e Brasil, que ven a proposta nipona como unha forma de ampliación da súa cota comercial, por máis que os representantes xaponeses afirmaron que a carne de balea forma parte da tradición cultural do seu país. Xapón caza preto de 1.000 baleas cada ano, grazas a súa licencia "científica", para logo vender a carne.

Tras este desaire, Xapón retirou tamén a súa petición para realizar a comisión Anual da CBI en na cidade de Yokohama.

Vinte anos de prohibición
As baleas foron perseguidas durante centos de anos, pero coa invención do arpón explosivo e dos buques factoría, que permitían a captura de 40.000 cetáceos nun ano, a súa poboación reduciuse ata os límites en menos dun século.

A moratoria contra a caza de baleas aprobouse no 1986 para evitar a desaparición definitiva da maioría das especies destes cetáceos. Un ano máis tarde, Xapón conseguía volver á caza escudándose na cláusula que permitía a pesca para o estudo científico, e iniciou unha campaña para recuperar a captura a grande escala, que dura ata a actualidade.

Non foi o único país que seguiu esta vía. Islandia tamén viu na "pesca científica" unha forma de continuar a caza, e Noruega rompeu unilateralmente o acordo en 1993 para voltar á captura comercial de cetáceos.

Comentarios