Xeorxia, o conflito durmido

En Xeorxia hai dúas rexións ocupadas polo Exército ruso mentres a maioría do país ten a esperanza de formar parte da Unión Europea
Pintada antirrusa nunha rúa de Tiflis, a capital de Xeorxia. M.M.
photo_camera Pintada antirrusa nunha rúa de Tiflis, a capital de Xeorxia. M.M.

Donbas, Crimea e o sur de Ucraína non son as únicas rexións invadidas por Rusia. Varios países exsoviéticos manteñen disputas territorias con Rusia ou apoiadas por ela. En Xeorxia, na beira sur do mar Negro hai dúas rexións, Abxasia e Tskhival —Osetia do Sur— ocupadas polo exército ruso. Por resumir un conflito que comezou en 1991, as dúas rexións funcionan agora como estados independentes non recoñecidos internacionalmente. En ámbolos dous sitios Rusia mantén as súas tropas e recoñécelles aos seus pobos o que lle nega a Ucraína, a súa identidade nacional. Xeorxia non renuncia a esa parte do territorio, de feito tentou en 2008 recuperar parte nunha guerra que perdeu en 5 días. No seu final a Unión Europea tivo un papel destacado.

Xeorxia é un país estratéxico entre Asia e Europa. Ten arredor de tres millóns e medio de habitantes —e outro máis na diáspora—. O goberno intentou hai uns días aprobar unha lei para reprimir a axuda extranxeira a medios de comunicación ou ONGs, a imaxe e semellanza da rusa. O país levantouse e o goberno tivo que recuar. Ninguén aquí entende ben o porqué desta lei precisamente en plena guerra entre Rusia e Ucraína. O pobo xeorxiano apoia maioritariamente a Ucraína, óese e vese nas rúas cheas de bandeiras azuis e amarelas. O país quere ser parte da Unión Europea —calcúlase que entre o 80-90% da poboación—, pero o seu goberno é máis prorruso que pro occidental. Como pode ser? É a pregunta que lle fago Ana Gvalia, socióloga xeorxiana, que fala un exquisito castelán: «A figura clave do poder neste país é Bidzinan Ivanishvil, non é político, é un oligarca que ten boa parte do seu negocio en Rusia. Poderiamos dicir que o goberno actual é un títere del e dos seus negocios», sinala.

O clientelismo político é o habitual neste país. Quen saíu manifestarse para evitar a lei de axentes extranxeiros foi a mocidade e a intelectualidade do país. A xente coa que falo coincide en afirmar que a lei serviría para manter o goberno no poder, malia iso, ningún ten claro que nas elección de 2024 haxa outro partido con opcións a gañar «a non ser que aconteza algo extraordinario na guerra ucraína», dime Ana.

Tiflis, a capital xeorxiana, é coma unha cidade de conto: co seu castelo na montaña, vixiante e con casas tradicionais e rúas empedradas que se mesturan con edificios modernos de arquitectura mesmo futurista. O que máis preocupa nas rúas da capital e a suba dos prezos en xeral, e da vivenda en particular. Dende que comezou a invasión rusa de Ucraína ducias de milleiros de rusos viñeron vivir a esta cidade. Os rusos veñen con moitos cartos. Ana vivía antes  no centro, nun apartamento polo que pagaba 750 laris, uns 270 euros. Tivo que deixalo e marchar a un barrio fóra do centro porque agora ese apartamento custa 2.000 laris, unos 720 euros. «En 12 meses os alugueres multiplicáronse por tres. Os rusos poden estar un ano no país sen visado, pero poden saír del e ao entraren de novo o marcador ponse a cero». Entre a mocidade xeorxiana está a instalarse un sentimento antirruso que se ve nas paredes da cidade e en calquera conversa de bar cando saben que o interlocutor é extranxeiro. «Pensan que son mellores ca nós». «Trátannos como xente de segunda». «Abroncánnos se non lles falamos en ruso», son frases que me din en varios negocios; que por outra banda recoñecen que agora mesmo os cartos rusos fan boa parte da súa facturación. O turismo europeo estase a recuperar algo tralo covid e o medo ao principio da invasión ucraína. David, un xornalista local, dime que aquí distinguen entre dous tipos de novos veciños rusos: «os que chegaron fuxindo de Putin, por seren activistas ou por simplemente estaren en contra da invasión, e os que viñeron só por escapar da mobilización, que malia non quereren loitar polo seu país apoian a Putin», dime irónico.

Os estudantes teñen marcada unha nova manisfestación contra o goberno para o 31 de marzo. A principios de abril é a oposición quen convoca a marcha. Tamén a minoría que apoia o achegamento a Rusia tenta tomar as  rúas, con queimas de bandeiras europeas e ataques a xornalistas incluidos. Ninguén sabe que pasará nos próximos meses, pero están convencidos de que o que aconteza en Ucraína será determinante no seu futuro.