Xuízo contra as Guerras Africanas

Charles Taylor, o ex presidente de Liberia, négase a comparecer sequera durante o seu xuízo no Tribunal Penal Internacional d’A Haia. Disque non confía en que lle fagan un xuízo xusto. Pero esta leria ben de lonxe. Hai máis dun ano, en abril de 2006, antes de que o extraditasen a Holanda, xa se declarou inocente ante o Tribunal Especial de Sierra Leona dos once cargos que se lle imputaron, entre eles terrorismo, asasinatos, saqueos, escravitude sexual e recrutamento de nenos soldados. Un bo currículo, sen dúbida, para o que fora presidente de Liberia entre os anos 1997 e 2003.

A fronteira entre Liberia e Sierra Leona converteuse na década pasada nunha das peores zonas de conflicto de todo o mundo, cunhas guerras brutais e crueis ignoradas en occidente ante a súa escasa proxección mediática. Antes de todo iso, Charles Taylor era un de tantos oficiais carismáticos africanos que fora promocionado con excesiva rapidez dentro do seu exército. E igual que moitos outros militares da súa xeración, nos anos noventa se ía converter nun señor da guerra capaz de destruír estados enteiros. Os exemplos paradigmáticos destes estados fracasados son Somalia e Afganistán, pero tamén Liberia e Sierra Leona.

En 1989 Charles Taylor formou, baixo o seu liderazgo, a Fronte Nacional Patriótica de Liberia, coa que comezou unha insurrección no interior do país contra o goberno de Monrovia. Esa foi a Primeira Guerra Civil de Liberia, na que participaron varios señores da guerra durante sete anos, ate que Taylor acadou o poder en 1997, a través dunhas eleccións celebradas en tempos de paz. Esa paz sería moi fráxil, tendo en conta que en 1999 xa comezaba a Segunda Guerra Civil, un conflicto que se alongou ate o 2003, cando Taylor deixou a presidencia e fuxiu do país en dirección ao exilio, en Nixeria.

A historia política africana avanza dende a descolonización a base de labazadas, uns acontecementos vertixinosos que dificilmente se poden explicar nun só parágrafo. Pero os crimes polos que están xulgando a Taylor non son os que cometeu no seu propio país, senón no veciño, en Sierra Leona, a onde exportou o conflicto liberiano saltando por riba das fronteiras dos colonizadores.

Alí promoveu a creación en 1991 da Fronte Revolucionaria Unida (RUF), á que lle facilitou armas e apoio loxístico nos anos seguintes, especialmente dende a presidencia de Liberia. Daquela estoupou a guerra civil en Sierra Leona, un conflicto entre múltiples faccións que abrangueu unha década enteira, entre 1991 e 2001, e que deixou miles de mortos e máis de dous millóns de desprazados. De todo iso, as únicas novas que chegaron á opinión pública occidental foron as máis sensacionalistas, como a participación de nenos soldados nos combates ou o financiamento da RUF mediante o comercio de diamantes. Precisamente estas pedras preciosas chegarían a converterse no símbolo dos conflictos africanos, servindo de referente para unha canción de Kayne West (Diamonds from Sierra Leona) ou para un filme protagonizado por Leonardo DiCaprio (Diamantes de sangue).

Agora, o xuízo contra Charles Taylor convértese no símbolo dos procesos xudiciais contra as guerras africanas. Semellante esforzo por clarexar os feitos e por impartir xustiza é algo inédito tratándose do continente africano. A traxectoria de Taylor coincide coa de moitos outros casos esquecidos ou silenciados de militares novos que se transformaron en señores da guerra para acadar o poder e chegar a presidentes. Pero ningún deles puido mellorar as condicións de vida dos seus compatriotas, máis ben fixeron o contrario. Charles Taylor é o primeiro destes xefes de estado africanos que comparece ante o Tribunal Penal Internacional d’A Haia. Fará falla moita paciencia, porque o proceso podería durar ate decembro de 2008, e logo o veredicto non se fará público ate mediados de 2009. Paciencia... e expectación, porque a leria vai para longo.

Comentarios