Yarik e a despedida

A avoa de Yarik é rusa, ten máis de 90 anos e non entende como o seu país pode estar facéndolle isto ao que a acolleu, Ucraína

Escribo estas liñas no tren que me leva de Kiev a Leópolis, toda a noite de viaxe para dende alí chegar á fronteira con Polonia e volver á casa. Acabo de despedirme do que durante as tres últimas semanas foi o meu compañeiro, o meu cámara, produtor, tradutor, a persoa que me levaba dun sitio a outro, que era a miña voz para poder falar coa xente, Yarik, xa un amigo. É un tipo calado, de feito non souben a súa idade até o terceiro día de estarmos traballando xuntos.

Antes da invasión do seu país, Yarik, que tamén estudou Xornalismo, adicábase a realizar vídeos. Está moi orgulloso dos anuncios que fixo para animar á xente a alistarse ás defensas civís do país, ás veces, ao principio de todo, cando Kiev era unha cidade sen tránsito ningún, e sen xente nas rúas, eramos nós os dous case os únicos que viamos os seus vídeos nas marquesinas ou nas grandes pantallas publicitarias.

Marcos Méndez, con Yarik. M.M.
Marcos Méndez, con Yarik. M.M.

Se non fora por Yarik non tería aguantado tanto tempo aquí. Coñece ben a cidade, pola noite protéxea dende un dos checkpoints, logo viña durmir un rato ao hotel e a primeira hora da mañá xa estaba listo para ir gravar. Cando estás nunha situación coma esta dependes en gran medida da figura do fíxer, esa persoa local que nos axuda a movernos, a falar coa xente, sen eles estariamos totalmente perdidos. Yarik foi estas semanas o mellor fíxer de todos. De feito varios compañeiros e compañeiras preguntábanme cando ía quedar libre. Mentres eu estea aquí non, dicía eu sempre.

A avoa de Yarik é rusa, ten máis de 90 anos e non entende como o seu país pode estar facéndolle isto ao que a acolleu. Ás veces Yarik aparece no hotel cunhas filloas recheas que a súa avoa cociñaba para nós, boísimas. "É o seu xeito de sentirse útil", dicíame. Non sabe ben a boa da señora o útil que a min me foi. Esta historia, a de rusos-ucraínos, é moi común no país. De feito todo o mundo en Ucraína fala ruso, e segundo me di Yarik, malia non ser xa oficial en todo o país, é o idioma de uso común entre boa parte da poboación. Eu xogaba a adiviñar cal dos dous falaba Yarik cada vez que o chamaban por teléfono, nunca adiviñei, para o noso oído son iguais, Yarik dicía o mesmo do galego e o castelán, para el soan iguais.

Remato esta crónica xa no cuarto do hotel de Varsovia, tras máis de 20 horas de viaxe —e dunha multa por exceso de gañas de chegar—. Xa boto de menos Kiev e as súas xentes. Dalgún xeito marchar é como abandonalos, pero xa non tiña corpo e cabeza para facer ben o traballo, e era xa o momento de parar. Isto ten que parar, non sei como, a verdade é que cada vez se está complicando máis a cousa, pero debe parar xa. A comunidade internacional debe facer o posible por pararlle os pés ao matón da clase e protexer o máis débil, e neste caso concreto, inocente. Sei que é difícil, pero hai que tentalo. Con inocencia, aquí, refírome a que Ucraína non fixo nada para buscar esta guerra, non estou a defender, en ningún caso, actitudes concretas de brutalidade, que se dan nos dous bandos, así son as malditas guerras. Pero Ucraína non comezou esta nin nada fixo para que empezara.

Putin non se ha de conformar cun referendo en Donbas, precisa máis. Agora mesmo precisa de Mariupol para completar o paso entre Donbas e Crimea —e para tapar o que alí está pasando— e non creo que deixe de intentar quitarlle a saída ao mar Negro a Ucraína asediando Odesa. É a miña humilde impresión. Tamén penso que os ucraínos, que asombraron o mundo coa súa determinación, non llo han pór doado. O 95% da poboación cre que han de gañar esta guerra. A enquisa é de onte, hai semanas era menos do 50%. A moral está moi alta do lado ucraíno. Cando fun para a fronteira polaca, hai 42 días, pensaba que sería cousa dunha semana, agora coido que teremos morte e destrución para rato, que mágoa. Remato esta última crónica sobre o terreo pensando no meu benquerido amigo Yarik. Agardo que estea ben, por moito que teña que ir loitar se o seu país llo pide. Grazas a todas e todos os que me adicáchedes un minuto dos vosos días. Até a próxima.

Comentarios