Yuri e familia

Yuri vive nun búnker feito por el mesmo dende hai dous meses nun chan do garaxe e onde chegaron a durmir ata quince persoas
Trabajadores retirando escombros después de un bombardeo en Mikolaiv. VINCENZO CIRCOSTA (EP)
photo_camera Traballadores retirando cascallos despois dun bombardeo en Mikolaiv. VINCENZO CIRCOSTA (EP)

Mikolaiv é unha cidade moi complicada. Está xusto enriba da confluencia de dous ríos, ten moitas pontes: cada vez que cruzamos unha tentamos facelo o máis rápido posible, as pontes son e serán sempre obxectivos principais. Ademais leva moito tempo sendo o escudo de Odesa, a fronte está a pouca distancia dirección leste, cara Jerson, e leva aí parada case dende o comezo da invasión. 

Os bombardeos en Mikolaiv son case diarios. De case medio millón de habitantes quedan nela uns 300.000, que levan case un mes sen auga da traída. As ringleiras de xente nas fontes e nas rúas onde chegan as cisternas mesmo dende Odesa son constantes e longas. Todo o mundo pola rúa vai con botellas e garrafas de auga, baleiras ou cheas. 

En Mikolaiv atopamos a Yuri. Loitou co Exército ucraíno na guerra do Donbas en 2014. El e a súa familia levan estes dous meses vivindo nun búnker construído por eles mesmos no chan dun garaxe. Nunha esquina instalaron unha pequena cociña, ao seu carón un moble cun candado; Yuri ábreo e amósanos as súas armas. Svletana, a súa muller, xa sabe usalas, pregunto se tamén as nenas, de 11 e 12 anos, e non preciso a tradución de Dymitri, a cara de 'estás tolo ou que?' de Yuri xa o di todo. Na parede oposta ao armario armeiro hai colgadas dúas bandeiras ucraínas, están completamente cheas de sinaturas. A primeira é da campaña do Donbas, asinada polos seus compañeiros de batalla; a segunda, coas cores menos gastadas, é máis nova. Ten sinaturas de colegas de todo o sur do país, algúns dos asinantes están/ estaban na acería de Azovstal, en Mariupol. 

Yuri adícase agora a capitanear un grupo de defensa territorial ademais de axudar a xente a fuxir das zonas ocupadas. Póñoo en contacto cunha coñecida coruñesa que precisa sacar a seus pais de Jerson, tarefa case imposible a día de hoxe, pero Yuri deulle algunha esperanza. Oxalá poida contar esta historia con nomes e con final feliz. Oxalá. 

Yuri fala coa miña coñecida mentres comemos o que cociñou Svetlana: borscht, unha sopa vermella que leva algo de todo e que aquí comen a todas horas, e que sabe a gloria, todo hai que dicilo, e unha especie de carne de porco enrollada con especias. O que teñen compárteno. Yuri cóntanos que algúns días durmen no búnker até 15 persoas. Baixamos velo. Son dúas estancias con colchóns e mantas por todas partes. Non quero imaxinar o que é pasar aí a noite, 15 persoas, baixo a ameaza dos mísiles. O malo é que por moito que non queira imaxinalo esta imaxe xa se nos fixo cotiá. Yuri dinos que non ten moitas esperanzas de que a súa cidade se salve, pero di que se os rusos entran a el e á súa familia atoparanos alí. 

Deitámonos hoxe cunha advertencia que se repite nas redes sociais dende esta tarde pero que a estas horas entrada a noite ferve nelas. Din algunhas fontes que Rusia podería ter preparado para mañá —hoxe domingo— e o luns un ataque a gran escala ás principais cidades do país. Eu pregúntolle a Andrey, o meu compañeiro, que se son fontes de fiar e a súa resposta non é nada tranquilizadora, algunhas desas fontes son as que acertaron coa data fatídica do 24 de febreiro. A ver.