23-F

Que 32 anos non sexan nada é unha obviedade. Que o 23-F pase cada vez máis desapercibido tamén o é, por moito que o españolísimo Salva Ballesta lle amole ou predique, ironías da vida, pola sua liberdade de pensamento e expresión. As mesmas, por certo, que desprezaba Tejero e pretendía anular e erradicar.

Tal vez unha ollada á memoria dos protagonistas, agora que estamos a sacar os trapos suxos de todo o mundo, axude a poñer as cousas no seu sitio. Xa postos, teñamos presente que todos os partícipes da asonada perciben relixiosamente a pensión de xubilación máxima, sin ter feito manifestación pública de arrepentimento.

Aí temos tamén ao ex-capitán Muñecas (o da "autoridad competente, militar por supuesto"), rexentando unha escola de equitación en Valdemoro e organizando unha homenaxe a Tejero no ano 94. Ou Ramos Rueda, o tenente que zarandeou (xunto ós gardas Barriga e Peláez a Gutiérrez Mellado), retirado co grao de comandante, ao igual ca Vicente Carricondo.Ou Hernáiz, Álvarez Fernández e Izquierdo, retirados coma tenentes coroneles e tamén todos eles presentes na mentada homenaxe a Tejero.

Máis pintoresco aínda foi o de Enrique Bobis, inseparable de Tejero na "noite de autos", que pasou de absolto de golpista a enlace entre a Guarda Civil e o Ministerio de Medio Ambiente durante o primeiro gabinete Aznar, perante o escándalo da oposición parlamentaria e a dubidosa idoneidade do cargo en cuestión por parte dun sedicioso.

Finalmente, todos os que tomaron parte aquela xornada, foron galardonados coa Cruz de San Hermenegildo, que recoñece os 20 anos de servizos, e comporta un incremento das percepcións salariales e das pensións. Distincións que, por outra banda, nunca se lle foron concedidas ós militares da Unión Militar Democrática. Mesmo para este tipo de cousas, hai paseo baixo palio para os que conspiran contra o réxime constitucional e pao e tentetieso para os que traballan a prol del. Hai cousas que nunca cambian.

Comentarios