As 400 entradas para Cans á venda en Internet esgótanse en 15 minutos

'Chimpibús' do Festival de Cans, no Porriño
photo_camera 'Chimpibús' do Festival de Cans, no Porriño

PONTEVEDRA. As 400 entradas postas á venda onte por Internet para ver as curtas a concurso do Festival de Cans, que se proxectarán na tarde do sábado 25 de maio, quedaron esgotadas un cuarto de hora. Ás 9.00 horas comezaba o prazo para poder facer estas reservas e, ás 9.20 horas, a organización xa informaba de que os pases se acabaran.

Así, os organizadores aseguraron que, nun intervalo de 15 minutos, un total de 209 persoas lograron facerse con entradas, tendo en conta que cada unha podía adquirir un máximo de dúas.

En todo caso, o 16 de maio poranse á venda o resto das localidades, outras 400, no local social da parroquia porriñesa que acolle o festival, que este ano celebra o seu décimo aniversario. Estes tickets poderán adquirirse ese día a partir das 19.00 horas.

Ademais, este ano habilitouse por primeira vez un pase matinal das curtas a concurso, para o que se porán á venda outras 130 entradas a maiores das 800 da sesión de tarde -as 400 vendidas por Internet e as 400 que se porán á venda o día 16 no local social-.

En total, na décima edición do Festival de Cans competirán 14 curtas de ficción e outras sete de animación. O resto da programación do evento, que supón o 90 por cento e inclúe gran cantidade de actividades entre o 22 e o 25 de maio, será gratuíta e de acceso libre ata completar auditorio.

Mobilidade

Ademais, o festival de Cans porá en marcha este ano un plan de mobilidade con tres áreas de aparcadoiro e o reforzo da liña de autobuses que conecta O Porriño coa parroquia cada 20 minutos. Dende a organización, a Policía Local e Protección Civil recoméndase que os que acudan a Cans utilicen estes servizos para facilitar o correcto desenvolvemento do festival.

As áreas de aparcadoiro habilitadas situaranse detrás do restaurante Manolo (a 50 metros da saída 305 da autovía), no restaurante Guanabara (a 100 metros) e no Polideportivo do Porriño (a 500 metros). Dende estes aparcadoiros poderase subir e baixar a Cans no autobús do festival, que ten un prezo dun euro. A estrada permanecerá pechada o venres pola noite e o sábado todo o día.

Comentarios