''Abofé que nos fai falla alegría!''

''Disque hai crise'', berrou onte o Rei Urco na Praza da Verdura. ''Pois eu xa recortei as uñas. E recortei o pelo. E recortei a barba. E non recorto máis. Que viva o Carnaval!''. O 'monarca' do Entroido pontevedrés, recén instituído polo alcalde da cidade, daba por inaugurada a troula, co permiso do pregoeiro deste ano, un aceleradísimo Xurxo Souto que reivindicou a festa pirata e non deixou títere con cabeza durante a súa intervención.

Repartíu entre os políticos mencionando a Mariano Rajoy, Miguel Anxo Fernández Lores e á mesmísima Angela Merkel sen complexo ningún. ''Ven a Pontevedra, Angela! Proba unha laconada e cambia o rumbo da economía mundial'', suxeríu.

Tamén animou a volver pola cidade a un pontevedrés que agora a visita moito menos. ''O actual presidente do Goberno, o único ser humano que aínda veranea en San-gen-jo. Gen-jo, aí, como dúas 'cuchillas'''. Á xente, que ateigaba onte á noite a Praza da Verdura, o chiste fíxolle moita graza e rompeu a aplaudir. ''Un momentiño, un momentiño, que aínda non me metín co alcalde'', pedíu calma Souto. ''Téñenme que perdoar o presidente da Xunta e o señor Louzán que non os mencione, pero non hai tempo para todos''. E aí introducíu unha bromiña con Lores. ''Alcalde, por que non quixo presentarse como candidato á Presidencia da Xunta? Por que, como díría Mouriño. Por que? Por que non quixo marchar para Santiago como Guillerme Vázquez? Non ve que hai xente que estaría encantada de perdelo de vista en Pontevedra?''. 

O desfile pecha o tráfico no centro da cidade

O tráfico no centro de Pontevedra pecharase hoxe puntualmente ao longo do percorrido do desfile, que comeza na rúa Xosé Malvar e chegará ata a Alameda. Por este motivo, a Policía Local de Pontevedra pon en marcha un dispositivo de tráfico para garantir o desenvolvemento percorrido das carrozas e a seguridade viaria. Deste feito, os axentes limitarán o estacionamiento en todas as rúas polas que trasitará a cabalgata para evitar problemas. Os vehículos que se atopen estacionados nas zonas vetadas (que levan sinaladas dende o pasado mércores) a partir das doce do medio día, ou as oito da mañá no caso de Xosé Malvar, serán retirados polo guindastre.

(Máis información na nosa edición impresa do 18 de febreiro).

 

Comentarios