Abre o prazo das fogueiras de San Xoán e San Pedro en Bueu

Só se poderán autorizar dúas cacharelas por praia, excepto nos areais de bandeira azul, e as solicitudes deben presentarse antes do 15 de xuño

O Concello de Bueu abre o prazo para solicitar o permiso para a realización de fogueiras nas noites de San Xoán (24 de xuño) e San Pedro (29 de xuño). Así, tal e como se recolle no Bando da Alcaldía, publicado na web municipal, as persoas que desexen realizar cacharelas nestas noites, tanto en terreo público como privado, deberán entregar no Rexistro Xeral a solicitude dispoñible na web municipal.

Segundo o Bando, só se poderán autorizar dúas fogueiras por praia, excepto nos areais de bandeira azul.

En todo caso, as cacharelas teñen que adaptarse ás características establecidas na resolución municipal, polo que deben realizarse en lugares despexados, mantendo unha distancia de seguridade de, como mínimo, 25 metros das edificacións, liñas aéreas de servizos, mobiliario urbano e vehículos e non poderán superar, en ningún caso, os tres metros de alto.

Ademais, están expresamente prohibidas as fogueiras nas praias de bandeira azul Area de Bon, Portomaior, Lagos e Lapamán), así como no resto dos espazos naturais protexidos do termo municipal buenense.

Tras a realización da cacharela, a praia deberá estar en condicións de ser utilizada nun prazo de 48 horas como máximo.

As solicitudes deberán formalizarse antes do 15 de xuño e, no caso de que para un mesmo areal se soliciten máis de dúas fogueiras, o permiso someterase a un sorteo público.

Tanto o Bando da Alcaldía como a solicitude están dispoñibles na web municipal (www.concellodebueu.org).

Comentarios