Abrir os ollos

Pódese intentar edulcorar de mil maneiras as novas medidas adoptadas pola Unión Europea para controlar os fluxos migratorios, pero é difícil disimular a contundencia de algunhas como as expulsións forzadas, as manobras militares no Mediterráneo ou os campos de refuxiados a instalar no Magreb, entre outras.

A directiva aprobada polo Parlamento europeo o pasado 18 de xuño, que centra boa parte do debate, equivale a unha declaración de guerra non soamente ás mafias ilegais que se lucran desta miseria senón tamén ás lexítimas esperanzas dunha vida mellor para moitas persoas realmente inocentes.

Harmonizar as regras de expulsión dos ilegais facilitando ata 18 meses de internamento, a expulsión de menores e persoas en dificultades, políticas ou doutro xénero, di moito en favor desa Europa fortaleza á que nos encamiñamos, xenerosa en límites e temerosa da presunta desorde e a conflitividade asociada, que prima sobre o respecto á dignidade e os dereitos humanos das persoas.

O de emigrar é un dereito tan fundamental como a liberdade de expresión. Así figura recollido na declaración universal dos dereitos humanos que se apresta a celebrar o seu sesenta aniversario con retrocesos lamentables en ámbitos xeopolíticos onde todo se daba por consolidado.

Coa escusa da loita contra a inmigración irregular, Europa tira pola borda a protección de dereitos elementais como o de non padecer trato discriminatorio, á escolaridade, ao reagrupamento familiar, a unha xustiza elemental. Para compensar a dureza desta política, Bruxelas ofrece acordos aos países de orixe desta emigración que non lles queda outra que aceptar a devolución dos seus cidadáns.

É a nova concepción do co-desenvolvemento, que diferencia con nitidez entre emigrantes aceptables (os do Leste europeo) e inaceptables (os africanos ou latinoamericanos), sen compromisos apreciables e iguais de rotundos na necesaria loita contra a pobreza.

Cabe imaxinar que este novo endurecemento servirá para ben pouco. Pode mesmo que haxa máis vítimas, pero, en todo caso, dificilmente se impedirá deste xeito que as persoas repriman os seus anhelos dunha vida mellor.

Levámolo no sangue e é unha consecuencia inevitable desa realidade abafante na que vivimos instalados, unha realidade que Europa quer combater erguendo máis e máis valados en vez de, simplemente, abrir os ollos e encarar unha estratexia que leve a redistribuír a riqueza con políticas de cohesión que transcendan os limites territoriais do propio continente.

Xulio Ríos é director do IGADI

Comentarios