Acordes con plátano

PONTEVEDRA. Furious Monkey House (Casa do mono furioso) creou un perfil en Facebook o 27 de marzo. O seu lema: «Cómete un plátano». Catro días despois colgou un vídeo no que aparecían, nos estudos Litium de Pontevedra, catro cativos con gafas de sol e un tipo cunha careta de mono, unhas plumas na cabeza e un poncho, interpretando un tema en acústico, ‘Heavy Boy’. «Hola, hola, hola!!! Somos los Furious Monkey House!!!», presentábanse. Inmediatamente o clip, que só era «unha proba de voces», converteuse nun pequeno viral a nivel local. Unhas horas despois, o grupo contaba por centos os seguidores nas redes sociais e por miles as reproducións do seu tema nos distintos portais de Internet que o albergan. «Se contamos as reproducións en Youtube e as que se fixeron a través das redes sociais levamos máis de 7.000 visitas», di Gonzalo Maceira. «Unha barbaridade».

Maceira, músico inquedo da escena local, que milita en bandas como Tractor Troy ou Salvation Army, é o ‘mono furioso’ que está detrás desta historia, «que, en realidade, naceu a partir dun proxecto musical educativo», aínda que agora despegue cun disco e coa presenza no Surfing The Lérez. Carlota Montoya (4º de Primaria, alumna do colexio Calasancio), Irene Esteban e Mariña Paz (as dúas en 5º de Primaria, colexio de Barcelos) e Lucas Güimil (6º de Primaria, tamén colexio de Barcelos), todos de entre 9 e 10 anos, completan esta banda, que parece retar a esa sentenza do mundo do espectáculo que di que ‘nunca traballes con nenos nin con animais’. Aquí hai algo das dúas cousas aínda que o ‘mono’ sexa de mentira. «É que en todo o que fago procuro meter un mono», explica Maceira. «Está un poco loco», xustifícano os nenos entre risos.

Aquí puedes ver el primer videoclip

http://www.youtube.com/watch?v=kXOiTv3mnTw

Comentarios