Actividades escolares

Hai xa varios anos, coincidindo cos primeiros momentos duros da crise, moitos centros educativos municipais de toda Galicia decidiron suspender as actividades que requirían un sobreesforzo dos profesores, como festivais e excursións. Eu, naquel momento, comprendín a decisión. É dificil compaxinar taxas de reposición de profesores ridículas, que no mellor dos casos chega ao 10%, e recortes importantes na educación, cunha esixencia voluntaria de máis traballo para os profesores. Sen embargo, tamén comprendo aos pais e ás nais, e sobre todo aos nenos e nenas, que quedan privados de actividades importantes na súa formación. Cada familia buscou a súa alternativa. Aumentaron as actividades extraexcolares e formáronse asociacións que pretenden suplir este tipo de faltas. Hai uns días tiven a oportunidade de ir ver un espectáculo de danza creado polos estudantes de boa parte dos centros públicos de Santiago de Compostela onde nenos con idades entre os 4 e os 12 anos amosaron ao público o que aprenderon durante o ano. O evento foi grandiosos. Máis de mil persoas comprobaron para que serven as actividades fóra da escola, especialmente as artísticas. Ao longo de 18 representacións, no escenario vimos de todo. Desde o máis clásico dos ballets ata o máis moderno dos rock and roll’s. Interesoume deste acto, non tanto a emoción dos pais e nais que aplaudiron a rabiar cada pase, senón a calidade do que se viu enriba do escenario. Grazas ao bo facer dun grupo de profesoras, soubemos que bailar é unha disciplina que implica precisión, compañeirismo, ritmo, compromiso e disciplina. Eses son valores que non se aprenden nos libros, pero si na escola. Gustoume tamén a profesionalidade do espectáculo. Podería resolverse nun salón de actos máis ou menos descoidado onde colleramos todos, pero non foi así. Os organizadores decidiron levalo a un dos espazos máis nobres da cidade compostelá, o auditorio de Galicia, cunha escenografía propia dos Stones. Unha iluminación moi coidada, un vestiario magnífico e un ritmo de guión propio das grandes obras fixeron que todos nos sentiramos orgullosos deses 20 euros que pagamos cada mes. Gústame o compromiso das persoas, especialmente polo interese xeral. Sempre defendín que a cidadanía ten moito que dicir no día a día da nosa sociedade, e mal facemos cando delegamos a responsabilidade da modernidade e da calidade de vida nos nosos representantes e mandatarios. Creo que os cidadáns temos que estar moi presentes nas cousas comúns que son as que nos melloran o noso día a día. Por iso, sentinme especialmente orgulloso ese día. Primeiro, por que non dicilo, polos nenos que se enfrontaron ao reto de bailar fronte a un millar de persoas, que se di pronto. Segundo, porque un colectivo de traballadores do sector público, decidiu dar un paso máis alá, quitar o chapeu da depresión colectiva, e loitar porque un grao de area se converta en todo un hórreo no verán. Creo que este é o camiño que debemos seguir para lograr, que día a día, as cousas cambien a mellor e, en definitiva, ir tomando as renxas do noso propio futuro, que boa falta nos fai.

Comentarios