Adiós, 2013

Creo que o 2013 non foi un bo ano. Foi unha mestura bastante dramática de accidentes, coma o de tren, sucesos varios e un clima de tensión política e social que me deixou un mal sabor de boca. Ben é certo que houbo tamén algunha boa noticia, pero o certo é que acaba cunha sensación de tristura e desacougo importante. Creo que este ano foi un punto de inflexión importante na crise económica e social que estamos vivindo. Non creo que sexa o final da crise e estou seguro de que as cousas dificilmente volverán ser como eran, polo menos durante un par de décadas. Sen embargo, creo que o 2013 foi o ano onde definitivamente nos demos todos conta da dimensión do problema. A finais do 2012 observaba con certo estupor como aínda se seguían tomando decisión certamente extravagantes, tanto desde administracións públicas, como das empresas e dos individuos. Namentres se quitaban fondos dun lado aínda seguían existindo cousas como obras faraónicas e inversións máis ou menos desacertadas. Sen embargo, isto, con algunha excepción, quedou absolutamente anulado no 2013. Tamén observei como familias, cunha traxectoria correcta e incluso próspera, acabaron na ruína. Sentín especialmente o caso dun alumno meu, que confesou con amargura que tiña que abandonar os estudos porque non tiña recursos para sobrevivir e menos para seguir estudando. Iso, foi unha novidade importante para min porque nos vinte anos que levo no mundo da educación xamais vira o drama tan preto. Observei tamén un cambio importante na actitude. Pasamos da indignación, concepto co que eu discrepo, á apatía e, por fin, á acción. O 2013 foi un ano no que se iniciaron proxectos auspiciados pola crise. Algúns funcionarán e outros non, pero creo que o máis positivo é que se pasou da espera á acción. Por iso, considero que o 2013 é un ano de inflexión. Teño claro que desta situación só se vai saír co esforzo dos cidadáns, tanto na súa vertente social como individual. Creo que están pasando os tempos no que o colectivo mitiga as desgrazas persoais e agora, ao revés do que pasaba, son os individuos os que encabezan as accións de mellora. Na miña opinión, esta situación é a que garante unha certa paz social nas rúas e a que fai que as manifestacións de protesta sexan moito máis activas, aínda que menos numerosas. Por exemplo, é moito máis eficaz unha protesta de cincuenta persoas para evitar un desafiuzamento que tres mil reivindicando os dereitos sociais. Agora está por ver o que nos trae o 2014. Espero que sexa o momento no que empecemos a recuperación, aínda que os datos non apuntan nese sentido. Espero que sexa o momento no que se modernicen conceptos que compre revisar, coma os da responsabilidade social das empresas e sistema financeiro. Espero, en definitiva, que sexa un bo ano para que un neno poda nacer con certa esperanza de non estar hipotecado coa sociedade desde o primeiro minuto de vida. Que teñan un bo 2014.

Comentarios