Adrián Cruz: "Os rivais como o Pontevedra, que non che deixan xogar, non nos benefician nada"

O seu segundo apelido, Juncal, úneo cunha das sagas de futbolistas máis brillantes de España. Din que o seu curmán Iago Aspas non sempre pode con el na Play-Station. O sábado, sen embargo, non se desprazará a Pasarón a xogar aos videoxogos: viaxará coa sá intención de axudarlle ao Murcia a derrotar ao club que o fixo debutar en Segunda B
Adrián Cruz, exxogador do Pontevedra que milita no Real Murcia
photo_camera Adrián Cruz, exxogador do Pontevedra que milita no Real Murcia

NO VERÁN chegou ao Real Murcia procedente do Osasuna. En La Nueva Condomina leva unha temporada tan intensa como estraña, na que o club vermello viviu un troco de presidente e adestrador, unha revolución no plantel e un espectacular remate de campaña que lle permitiu meterse na promoción de ascenso. No seu camiño cruzarase o Pontevedra de Luisito, un club e un adestrador polos que sente un grande agarimo.

Regresa dunha lesión, como se atopa?

Este ano está a ser un pouco raro. Expulsáronme dúas veces de forma inxusta. Unha con catro partidos de suspensión. Hai seis semanas levaba varios encontros de titular e fixéronme un 'bocadillo' no xemelgo e rompéronmo. Estiven un mes de baixa e regresei hai quince días. O último partido disputeino enteiro.

Tanto tempo fóra restaralle opcións de xogar esta eliminatoria?

Este adestrador confía en min. Díxomo el directamente. Pero veño dun mes parado. Todo dependerá do que el queira buscar na partido e na eliminatoria.

Como está o Murcia?

Empezamos a Liga cunha serie de xogadores de moi bo nivel, como Borjas Martín, que en Pontevedra funcionou marabillosamente e aquí custoulle máis. O adestrador igual non atopou a fórmula e nós non andabamos finos, polo que o club decidiu facer unha limpeza de once xogadores e fichar once novos. Agora mesmo temos dous homes por posto de moito nivel. Ao final, nesta categoría, nótase o que se gasta os cartos. Veu xente de nivel que lle deu un plus ao equipo. O novo adestrador soubo sacar o mellor de cada un, ao estilo Luisito: espremeu ao máximo aos deportistas e tacticamente sempre tivo as ideas moi claras. E así empezou a funcionar o Murcia. Metémonos nunha dinámica moi boa, iso deunos confianza e ata aquí chegamos.

"No Murcia non asumimos o papel de favoritos desta eliminatoria. O único papel é o da igualdade total"

 

A que xoga o Murcia?

Somos 22 futbolistas, dos que pode xogar calquera. O adestrador sabe que nos podemos adaptar a calquera tipo de rival. É quen de cambiar en función de se nos enfrontamos a un filial ou a un adversario máis rochoso. O Murcia caracterízase por saber aclimatarse a tódolos adversarios e a tódolos campos. Niso noto que somos un moi bo equipo.

Cando coñeceu o sorteo, que foi o primeiro que pensou cando soubo que se ía medir ao Pontevedra?

De primeira man, o Pontevedra gustábame polo que significa para min como entidade: crieime aí, saín de xuvenís e dei o salto a Segunda B. Iso quedoume grabado. Pero este tipo de contrarios duros, que non che deixan xogar e apertan moito, non nos benefician demasiado. Tíñalle medo a iso. Polo desprazamento tan longo, a xente non o quería. É lonxe, pero a min fíxome ilusión polo club, a xente que coñezo en Pontevedra e o adestrador, ao que lle teño moito aprezo.

Sería a primeira a vez que xogase en Pasarón como visitante?

Si. A temporada pasada xoguei no Logroñés, pero cheguei en inverno e faltaba só o partido de Las Gaunas contra o Pontevedra. Xa se disputara o de Pasarón.

"Pasei moitos máis anos no Celta, pero o Pontevedra é un club que levo dentro e ao que lle teño un agarimo especial"



En Pontevedra outórganlle o cartel de favorito ao Murcia...

Nós non o vemos así, sinceramente. Sabemos que estamos nunha dinámica moi boa e que temos un bo plantel, pero tamén que en Pasarón vai estar moi fastidiado o partido. O Pontevedra fixo moitos puntos alí, está moi forte. Temos que intentar marcar un gol na ida e poñer as cousas de cara. Como vaiamos especular, vai ser complicado. Desde dentro, non asumimos o papel de favoritos. O único papel é o de igualdade total.

Por que se decidirá a eliminatoria, polos clásicos pequenos detalles?

Somos dous quipos que non damos moitas opción aos rivais, dous equipos aos que nos meten poucos goles. Despois, cada eliminatoria é un mundo e hai excepcións para todo, pero é raro que nos cruces haxa grandes diferenzas de goles en cada partido. Calquera detalle vai ser a chave para poder pasar de rolda.


"Fichei polo Murcia porque entendín que as opcións de volver a Segunda eran moito máis fiables ca no Pontevedra"


Hai algunha regra que determine quen pode ou non pode ascender?

A este play-off chegan os mellores equipos de Segunda B. E entre eles pode haber diferenzas, pero son tan mínimas que en dous partidos a cara de can, como se adoita dicir, todo se iguala. Só coa mentalidade e con como se afronta o partido todo se pode equiparar. A calidade súplese coa forza física. Todo se equilibra, e pode suceder de todo. Nas miñas experiencias aconteceu iso. Coa excepción da promoción que vivín co Racing de Ferrol, na que na Malata tivemos un mal partido e nos gañou 0-4 o Huesca, as outras eliminatorias que disputei decidíronse por detalles puntuais e resolvéronse pola mínima.

En verán tivo unha oferta do Pontevedra. Cales foron os motivos de que optase polo Murcia?

Teño unha relación moi boa con Luisito. Só teño palabras de agradecemento para el. Sempre que puido, intentou contar comigo e sempre que estiven con el, xoguei. El intentou levarme para alí. Pero eu teño que valorar moitas cousas: viña de Segunda División e teño a intención de regresar a ela canto antes. Nese momento tiña entendido que as opcións de volver a Segunda División eran moito máis fiables no Real Murcia ca no Pontevedra. E outro aspecto primordial era o económico. O Pontevedra non se movía dunha cantidade que ofrecía e o Murcia cedeu e intentou chegar a un acordo polas dúas partes. Iso non impide que o Pontevedra sexa un club que levo dentro, ao que me gustaría regresar no futuro e ao que lle teño un agarimo especial. Pasei moitos máis anos no Celta, pero o que me deu a oportunidade de ser futbolista e me fixo sentir especial foi o Pontevedra, aínda que nisto do fútbol buscas obxectivos e aspectos económicos. Pero insisto, estoulle moi agradecido ao Pontevedra e moi agradecido ao seu adestrador.

Comentarios