Miércoles. 26.09.2018 |
El tiempo
Miércoles. 26.09.2018
El tiempo

Adrián Léon, dúbida para o partido contra o Castilla

Adrián León
Adrián León
O xogador cántabro padece unha escordadura do nocello dereito que lle impediu traballar o luns

Adrián León podería perder o partido do próximo domingo, no que o Pontevedra se enfrontará ao Real Madrid Castilla en Pasarón (17.00 horas).

O centrocampista cántabro, que nos últimos dous encontros actuou como central, sufriu unha escordadura do nocello dereito no segundo tempo do enfrontamento que o Pontevedra disputou contra o Racing de Ferrol. A lesión que padece o xogador santanderino impediulle participar na sesión de recuperación que o plantel pontevedrés levou a cabo este luns no campo sintético da Xunqueira.

A evolución nas seguintes xornadas de traballo dictaminará se o futbolista está en condicións de tomar parte no envite dominical ou se, polo contrario, como parece probable, quedará sen ter minutos no duelo.

A xogada na que León se fixo dano foi fortuita. Nun centro do racinguista Mendi desde o estremo dereito, o balón golpeou no seu pé cando non estaba en contacto co chan. Coa forza do impacto do esférico na bota, acelerou o apoio da mesma no chan, sen equilibrio, o que produciu unha forte torsión da articulación que derivou na escordadura.

O futbolista realizou un importante esforzo ao intentar continuar nos seguintes minutos sobre o terreo de xogo da Malata, pero finalmente debeu retirarse substituído por Víctor Mongil.

León estábase a converter nun home indispensable nos esquemas de Luisito. Despois de perder o primeiro partido da liga do PCF, no desprazamento a Vigo para medirse ao Celta B, entrou no once inicial pontevedrés e xa non o abandonou. Primeiro como medio centro e máis tarde como central, disputou os últimos seis partidos nos que competiu o Pontevedra CF.

Adrián Léon, dúbida para o partido contra o Castilla
Comentarios