Lunes. 11.12.2017 |
El tiempo
Lunes. 11.12.2017
El tiempo

"Agardo que o Sergas teña menos lista de espera"

Os de Xosé Touriñán (no centro) e Roberto Vilar (dereita) son os rostros máis coñecidos de 'Land Rober'
Os de Xosé Touriñán (no centro) e Roberto Vilar (dereita) son os rostros máis coñecidos de 'Land Rober'
O formato que dirixe e presenta na TVG Roberto Vilar obtén un premio Iris como mellor espazo de todas as autonómicas. Víctor Fábregas, a outra metade do dúo Os Tonechos, será o convidado especial no programa número 100, que será o xoves 19

Mentres Carles Puigdemont comparece no Parlament de Cataluña, Roberto Vilar (Xove, 1971) recibe a nova de que o programa que dirixe e conduce na Televisión de Galicia, Land Rober, acaba de ser galardoado cun premio Iris como mellor espazo autonómico pola Academia de la Televisión de España. "Ti non tiñas que estar co de Cataluña?", chancea cando recibe a chamada de El Progreso.

O presentador de Xove sostén que todo "son tópicos" no que se lle pasa pola cabeza ao recibir este galardón, que recollerá en Madrid nunha gala que se celebrará o vindeiro 24 de outubro. "Estamos moi felices, sorprendidos, orgullos e contentos", sinala. E engade que se lle fai especial ilusión é "polo público" de Land Rober. "A conexión que sentimos co noso público é algo fóra do normal e único, non é doado que suceda isto", apunta.

Están aí os números para refrendar as palabras de Roberto Vilar. Por unha banda, as de audiencia, por riba do 25% de cota de pantalla en horario de máxima audiencia, unha porcentaxe máis que meritoria neste tempo de audiencias ultrafragmentadas.

Asemade, a lista de espera para asistir como espectadores en directo a Land Rober achégase ás 21.000 persoas. Tantos como os que agardan para unha consulta nos hospitais galegos?, pregúntolle. "Confío en que o Sergas teña menos lista de espera ca nós", tercia, ao tempo que subliña o interese que amosan xentes de todas as idades e de todos os recunchos do país que botan ata dous anos para poder acudir ás emisións do programa en directo.

As cifras complícanselle aínda máis a Land Rober por conta cun concurso que o espezo lanzou hai uns días nas redes sociais, que tiña como recompensa pases para acudir ao plató para todos aqueles que adiviñasen quen sería o convidado especial do programa número 100, que se emitirá no prime time do xoves 19 de outubro.

Máis dun milleiro de persoas acertaron ao aventurar que sería Víctor Fábregas, o actor que deu tantos anos vida a Tucho, a outra metade do dúo Os Tonechos a carón do propio Roberto Vilar, quen pasará polo programa. "Hai moita xente que está disposta a vir soa ao plató con tal de non perdelo e iso conta moito das ganas que teñen", apreza Vilar.

O presentador confirma que o "reencontro" entre o dúo humorístico máis influínte das últimas décadas en Galicia co permiso das Cantareiras de Ardebullo será "moi especial" e que están preparando xa unha boa chea de sorpresas, aínda que non confirma se xa ten desempoado o pixama de raias de Tonecho: "Iso si que non cho podo dicir".

O que si que engade Roberto Vilar é a súa idea da importancia para a Televisión de Galicia "e para todos nós, para o país", de que un espazo da TVG teña sido considerado o mellor de todas as canles autonómicas do Estado. "Nas autonómicas faise moi boa televisión; en TV3, na ETB ou en Canal Sur, que son as máis grandes, hai programas de moita calidade".

Ao presentador de Xove tamén lle resulta salientable o feito de que nun momento como o actual se teña premiado un espazo de humor. "É a única maneira que entendo de enfrontar o día a día, o que non quere dicir que teña que servir para fuxir da realidade. O humor incide no estado de ánimo dos pobos e é moito mellor que facer muros ou tirar bombas", conclúe Roberto Vilar.

"Agardo que o Sergas teña menos lista de espera"