Alfombra vermella para o galego

Presentación do documental ante o público asistente (Foto: Ángeles Pazos)
photo_camera Presentación do documental ante o público asistente (Foto: Ángeles Pazos)

MARÍN. 'Fala galego porque es de Marín' escoitouse hoxe alto e claro na presentación oficial, como se se tratase dunha grande estrea de Hollywood, na proxección pública do documental elaborado polos centros educativos marinenses para fomentar o uso do galego na vila.

A iniciativa xurdiu hai varios meses dos propios colexios do municipio. Cabe resaltar que se trata dun proxecto no que participan tódolos centros públicos e concertados do municipio dende Educación Primaria ata a Secundaria. O obxectivo é expandir a concienciación do emprego do galego na vida cotiá a partires dos seus falantes máis cativos, que serán os responsables de espallalo ós seus familiares e, así, á poboación en xeral.

O documental componse de tomas realizadas en varios lugares de Marín para escenificar cómo se pode empregar o galego en todos e cada un deles. Cada colexio levou a cabo cada unha das tomas nas cales se empregaba un lema distinto. O peche da peza audiovisual gravouse a finais de abril no propio Concello da vila, que simboliza "a casa de todos", tal como manifestou un responsable dun dos centros.

A escaleira principal do Concello foi testemuña do berro conxunto do lema 'Fala galego porque es de Marín' realizado por unha mestura de nenos procedentes de varios colexios e algúns representantes do Goberno local, entre os que estaban a alcaldesa, María Ramallo, e a concelleira de Benestar Social, Marián Sanmartín.

Presentación

Despois de todo o traballo feito, hoxe tocaba presentar o resultado e recordar unha vez máis o lema 'Fala galego porque es de Marín'. O Museo Manuel Torres foi o escenario elixido para a proxección da peza e a resposta do público foi moi positiva. Entre o público, os propios protagonistas, os escolares participantes, así como membros do profesorado dos colexios e, por suposto, os pais das estrelas do documental.

Os pequenos gozaron véndose 'na gran pantalla' e amosáronse satisfeitos polo traballo realizado. Na presentación do documental resaltouse tamén a activa e desinteresada colaboración ofrecida polos colexios para sacar adiante o proxecto.

Este documental é unha peza máis de toda a programación que teñen previsto levar a cabo os centros educativos marinenses para chamar a atención sobre o emprego do galego. Tal como adiantaba un representante dos centros na gravación da última toma no Concello, "é a primeira de moitas". Polo de agora, a estrea de hoxe foi todo un éxito que serviu tamén de inmellorable peche ó actual curso escolar.

Comentarios