lunes. 24.01.2022 |
El tiempo
lunes. 24.01.2022
El tiempo

Alfonso Philippot, primeiro 'coloniano' de honra do Concello de Poio

O escritor vigués recibindo o galardón de mans da edil de Cultura
O escritor vigués recibindo o galardón de mans da edil de Cultura
O escritor e historiador vigués defende a teoría da orixe galega de Cristóbal Colón

O escritor e historiador vigués Alfonso Philippot converteuse este luns oficialmente no primeiro ‘coloniano’ de honra do Concello de Poio. A Casa Museo de Portosanto acolleu a celebración da primeira edición da Xuntanza Coloniana, un evento que ten como obxectivo recoñocer o labor que realizan aqueles investigadores que defenden a teoría da orixe galega do descubridor de América.

A encargada de facer entrega da peza conmemorativa a Philippot foi a responsable municipal de Cultura, Silvia Díaz. A concelleira do Bloque Nacionalista Galego desfíxose en loubanzas ao traballo realizado polo historiador de Vigo, que no seu libro ‘La identidad de Cristóbal Colón’ defende a hipótese de que o navengante era en realidade Pedro Álvarez de Soutomaior, tamén coñecido como Pedro Madruga. Esta obra é unha das máis representativas do escritor nado na cidade olívica, que para argumentar esta teoría contou cun gran soporte documental e xenealóxico. Tal e como lembrou Díaz, a publicación deste ensaio supuxo «unha verdadeira revolución no eido da investigación coloniana» e foi «amplamente valorado e recoñecido».

O trofeo entregado a Alfonso Philippot é unha reprodución do cruceiro de Portosanto, ao cal a Casa de Colón lle debe o alcume de Casa da Cruz. Na parte inferior da peza aparece a lenda ‘Juan Colón, 1490’.

Outro dos motivos que levou á organización a recoñecer o labor do historiador de Vigo foi o feito de ser «o iniciador do rexurdir da teoría da orixe galega de Cristóbal Colón durante a década dos 70».

A intención dos impulsores desta Xornada Coloniana é que esta iniciativa perdure co paso dos anos. Pola súa banda, Philippot mostrou o seu agradecemento aos responsables do evento pola homenaxe.

Alfonso Philippot, primeiro 'coloniano' de honra do Concello de Poio
Comentarios