A alma dos cartos

Teño as miñas dúbidas de que os cartos teñan algo parecido á alma. É certo que os cualificativos que se lle poñen son do máis cariñoso, como “Smart money” ou cartos intelixentes, obra social, “business angels”, ... Sen embargo, creo que os cartos cada vez teñen menos alma e menos identidade Esta semana tivemos varias noticias que nos marcaron a axenda. Desde a ración habitual de escándalos políticos, ata publicación de dúas decisións que nos afectan dun xeito importante. Primeiro, soubemos que unha empresa pública mexicana, Pemex, vai construír uns barcos en Vigo e probablemente outros en Ferrol. Tamén soubemos que o único banco que nos queda con capital eminentemente galego foi vendido a unha empresa venezolana. Faime bastante graza que os dous compradores sexan empresas de países receptores de emigración galega en distintos momentos do século XX e sei de boa tinta que nos dous procesos hai descendentes de galegos xestionando cousas máis ou menos importantes na parte americana. No caso de Banesco e de Nova Galicia Banco produciuse un debate curioso. Durante varios meses, o principal argumento dos partidos nacionalistas era identitario. Falábase dos aforros galegos, do sistema financeiro galego, .. Lóxico que os partidos nacionalistas falen nestes termos porque a banca é un dos elementos imprescindibles na construción de calquera sociedade. Pero tamén falaba do mesmo xeito o presidente Feijoo, cando mostraba a súa predilección por aqueles compradores que garantiran a identidade galega de Nova Galicia Banco, mantendo a súa sede entre o atlántico e o Padornelo e crear unha estrutura fundamentada na forma de ser os cidadáns galegos (dispersión da poboación, ....) Nas súas orixes, cada unha das caixas agora vendidas naceu cun espírito diferente pero complementario. As caixas do sur que logo se transformaron en Caixa Nova, tiñan un perfil claramente de asalariados. Estaba pensada para que os clientes principais fosen traballadores cunha nómina que precisaban do banco para aforrar e para facer as grandes inversións familiares, como a hipoteca da casa ou do coche. Caixa Galicia, nacida no norte, tiña como público obxectivo final á pequena burguesía da zona coruñesa que eran, en definitiva, os pequenos aforradores da época. A cousa mudou moito cos anos ata convertérense as dúas en entidades de financeiras máis preocupadas polo rendemento económico e polo tecido industrial e da construcción que polos aforros dos depositarios. A cousa acabou como xa saben, pero neste camiño ademais dos cartos tamén se perdeu a alma. Morreron cousas como as Obras Sociais e, sobre todo, morreu o compromiso das entidades por axudar aos tecidos produtivos prestando cartos, que ao fin e ao cabo é a súa misión principal. Agora, a apelación á alma non ten valor de mercado e o criterio identitario non pesa absolutamente nada nas decisións que se toman. Estou seguro que a Banesco, como é lóxico, só lle vai preocupar a rendibilidade do proxecto e non a empatía identitaria dos galegos. Pasei da fase da preocupación á resignación. Agora, só cabe esperar que os novos donos saiban xestionar ben os nosos aforros. Lamento que o vaian facer sen alma, pero ao mellor a estas alturas non queda máis solución.

Comentarios