Almuinha quéixase ao arcebispo pola misa do aniversario do pai Carballo

A asociación considera "absolutamente inaceptable" a negativa de dous párrocos marinenses a celebrar o oficio relixioso en galego
Xurxo Agra
photo_camera Xurxo Agra

A Asociación Cultural Almuinha vén de enviar unha queixa ao arcebispo de Santiago de Compostela con motivo da negativa de dous párrocos de Marín a celebrar en galego a misa do aniversario do pasamento do pai Francisco Carballo.

Na misiva, asinada por Xurxo Agra do Pazo, manifesta que a negativa dos párrocos a ofrecer o oficio relixioso é "absolutamente inaceptable", o que constitúe "unha clara vulneración dos dereitos lingüísticos dunha parte moi importante da poboación galega".

"Consideramos que a simple negativa constitúe unha falta de respecto, tanto cara ás persoas solicitantes do oficio como cara ás que empregamos o galego na nosa vida cotiá". Así mesmo, lembra que o pai Francisco Carballo foi "un firme defensor da lingua galega".

"O máis grave da cuestión foron as palabras e as formas empregadas para expresar tal negativa, amosando un desprezo absoluto pola lingua galega e as persoas galegofalantes, que non se pode pasar por alto", destaca a carta.

"Celebramos que finalmente a misa vaia ter lugar atendendo aos desexos das persoas solicitantes e aos propios desexos do pai paúl Francisco Carballo, que estamos seguros irían neste sentido dada a súa traxectoria, pensamento e acción de firme compromiso coa lingua galega".

"Nas últimas décadas estamos a asistir a un proceso de substitución do galego polo castelán, que está a ser moi efectivo pois está a conseguir reducir cada vez máis a presenza do galego en todos os ámbitos, e os últimos estudos sobre o uso do galego corroboran estas palabras, polo que cremos que só o compromiso de todos/as coa lingua pode garantir o seu futuro", destaca Xurxo Agra na misiva.

A carta finaliza cunha petición de que situacións como a reseñada "non se volvan producir" e "que a Igrexa adopte un papel positivo e activo cara a lingua galega, favorable ao proceso de normalización do galego, e que achegue o seu graniño de area para reverquer a tendencia que amosan todos os estudos e que nos últimos meses fixeron acender todas as alarmas en canto á supervivencia da nosa lingua".

PLENO. Por outra banda, a asociación Almuinha manifestou o seu "malestar" pola actitude da alcaldesa durante o pasado Pleno municipal. "Ante a petición de que o Concello de Marín enviara unha queixa á Igrexa pola vulneración dos dereitos lingüísticos dunha parte importante da poboación, a señora alcaldesa respostou cunha negativa alegando que só faltaría, que o Concello de Marín non ten potestade sobre a Igrexa".

"Cremos que neste caso se manifesta con total claridade que as boas palabras manifestadas en moitas ocasións polo PP en canto á lingua galega non se corresponden coa realidade. A realidade é que desde o PP vese a cuestión do galego como unha cuestión secundaria, sen moita importancia, que os leva a apoiar algunha moción como as presentadas no pasado Pleno Municipal a prol da lingua", indican, "mais continúan amosando unha falta de sensibilidade cara a mesma", añaden.

Comentarios