Anabel Gulías, Alberto Oubiña, Carmen Fouces e Carme da Silva inauguran 'Pontedetapas 2017'

Un xurado escollerá a mellor proposta e os comensais votarán para dar o premio do público
Concelleiros de Pontevedra degustando as primeiras tapas do certame
photo_camera Concelleiros de Pontevedra degustando as primeiras tapas do certame

Os concelleiros Anabel Gulías, Alberto Oubiña, Carmen Fouces e Carme da Silva inauguraron este xoves a iniciativa Pontedetapas degustando as propostas dalgúns dos locais da cidade. O encontro de tapas no que participan 52 establecementos hosteleiros da cidade comezou onte e prolongarase ata o 19 de novembro.

«Agardamos que todo o mundo veña a probar as tapas e quede satisfeito coma nós», explicaba antes de degustar as primeiras propostas a concelleira de Promoción Económica, Anabel Gulías. Do mesmo xeito, explicou que o mes de novembro é un momento do ano no que ca rematou o verán e aínda non comezou o Nadal, polo que era un momento no que a clientela baixaba. Así, Pontedetapas «é un complemento para que as caixas e a facturación melloren nesta época», explicou Gulías, que engadiu que, aínda que a proposta do Concello era que só houbese dúas fins de semana de Pontedetapas, os hosteleiros pediron que a iniciativa se prolongase durante máis tempo.

A gañadora do premio Tapa Pontevedra representará á cidade do Lérez na terceira edición do certame De tapas por Galicia

A xornada do xoves comezou no bar El Pecado, situado na rúa Fernández Vilaverde, e continuou noutros establecementos próximos como La Platería, na rúa Manuel Quiroga.

premios. Ademais da degustación de tapas (a un prezo de dous euros) tamén haberá cócteles (por tres euros). Deste xeito, as propostas de cada un dos establecementos participantes serán valoradas polo profesorado do CIFP Carlos Oroza, que fará unha selección de dez tapas e tres cócteles. Logo será un xurado profesional o que escolla aos gañadores do mellor cóctel e a mellor tapa. Tamén o público outorgará un premio cos seus votos. Así, o premio Tapa Pontevedra será escollido polos comensais. Este recoñecemento busca atopar a proposta que mellor represente a esencia da cidade, tanto no sabor como nos produtos empregados.

Ademais, a tapa máis votada polo público será a que representa á cidade de Pontevedra na terceira edición de De tapas por Galicia, un certame promovido por Turismo de Galicia para escoller o mellor petisco entre os gañadores doutros concursos nas sete cidades galegas. Ademais, o establecemento que reciba este recoñecemento realizará un showcooking na vindeira edición de Etiqueta Negra.

O público pode votar a través dun cupón dispoñible nos establecementos participantes ou a través da aplicación Pontedetapas, desenvolvida para a ocasión.

Comentarios