Analfabetismo emocional

Dicía Fellini que a televisión é o espello onde se reflicte a derrota de todo o noso sistema cultural. Podemos darlle a razón, sobre todo no intre no que se nos amosan, nas ducias de programas de sucesos e nos informativos, as víctimas dos malos tratos: mulleres mortas, humilladas, ameazadas e medosas das súas parellas, daqueles que din querelas  e que llo demostran a golpes.

O maltratador, máis alá do machismo que desprende, é unha persoa que non ten habilidades para relacionarse co seu entorno se non é dun xeito violento e iso amosa a inmadurez dun ser afectivamente inestable e cun analfabetismo emocional grave, posiblemente digno doutros tempos nos que moitas veces se amañaban os problemas ou non coñecían mellor xeito de desafogarse que dar un par de labazadas (cando non eran máis) ao primeiro que se poñía por diante que, polo xeral, eran os fillos ou a muller.

A día de hoxe non se permite, ou  non se debería permitir, ningún tipo de violencia psicolóxica nin física cara ninguén, e moito menos esa á que asistimos, día si e día tamén, e que deixa familias destrozadas. A televisión faise eco de toda esta barbarie informando sobre ela pero ao tempo tamén somos espectadores doutro cambio: aparecen programas que ensinan a educar aos nenos, a levar mellor a adolescencia dos rapaces e mesmo a solucionar problemas coa parella, todo iso baseándose no respecto, no diálogo, na negociación e na boa expresión verbal e física das emocións e sentementos.

Hai quen pensa que estes programas non son máis que outro exemplo do exhibicionismo que vivimos hoxe en día, que vendemos as nosas vidas por uns minutos de fama e pode que leven razón. Mellor buscarlle a parte boa e pensar que hai outro xeito que non é a violencia para entendernos, que a televisión pode ser educativa e non tóxica e que, se todos damos un exemplo cívico de convivencia comezando polo entorno máis íntimo (parella, familia, amigos…), o día de mañá non teremos que lamentar o exemplo que hoxe damos.

Comentarios