viernes. 23.08.2019 |
El tiempo
viernes. 23.08.2019
El tiempo

TEST. DE VERÁN. "O VERÁN COMEZA COAS CACHARELAS DE SAN XOÁN"

Andrea Maceiras: "Un premio como o Jules Verne é un pulo importante"

Andrea Maceiras, Premio Jules Verne 2015
Andrea Maceiras, Premio Jules Verne 2015

A moza coruñesa vén de recibir o prestixioso galardón de literatura xuvenil que concede a editorial Xerais polo seu libro ‘Europa Express’

Baixo o pseudónimo de Europa, evocando á novela que presentou ‘Europa Express’, Andrea Maceiras (A Coruña, 1987) vén de gañar o VII Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil que convoca a Editorial Xerais, converténdose nunha das futuras promesas deste xénero literario.


Conseguir un galardón coma este con tan só 27 anos é un mérito. Que sentiu cando o seu nome soou no acto na Illa de San Simón?
Moitísima ilusión, porque acadar un premio destas características, que é un dos máis relevantes do panorama galego actual, é un pulo moi importante. Sobre todo para unha autora nova coma min porque implica difusión, moito recoñecemento e é un ánimo moi grande para seguir adiante.


Mais non é nova no eido dos premios literarios. Con vinte anos publicou a súa primeira novela como obra gañadora do I Certame de Micronovela do Concello de Soutomaior. Algunha vez se chega a acostumar aos recoñecementos?
A verdade é que non, sempre segue a ser unha sorpresa. Aquí en Galicia hai moita calidade literaria e, aínda que tamén se están convocando moitos premios que dinamizan o sistema, sempre é unha sorpresa moi grata acadar un galardón así.


Axudan estes premios a atopar as forzas para seguir escribindo?
Sen dúbida. Son unha dinamización do sistema en moitos sentidos diferentes. Unha das cuestións que quizais botemos máis de menos é a difusión e visibilización do noso traballo e, nese sentido, son moi importantes. Non só pola contía económica, que tamén está ben porque o oficio de escritor non sempre é fácil a nivel económico, ou noutro sentido, se non polo recoñecemento do traballo feito.
Tamén poden ser unha grande axuda á hora de publicar libros na actualidade que doutra forma sería máis complicado.
Sen dúbida, os galardóns que teñen como parte do premio a publicación son moi valorados polos escritores, alomenos polos que estamos comezando.


O director de Xerais, Manuel Bragado, falou da vosa como da ‘Xeración da Esperanza’ que está renovando a literatura galega actual. Que digan iso de un supón unha responsabilidade para continuar facendo as cousas ben?
Penso que que falen de nós como da ‘Xeración Esperanza’ ten máis que ver con que na literatura e na historia sempre é preciso facer categorizacións. Non o entendo como unha responsabilidade, se non como un feito. Algo está a xurdir e hai unha necesidade de darlle nome a unha xeración nova. É esperable que se busquen nomes e formas de sistematizar as xeracións existentes. Pasa en todos os sistemas literarios, enténdoo como algo natural. Tamén pola miña formación como filóloga quizais para min que se clasifiquen as xeracións é algo normal.


“A obra recrea perfectamente a desorientación propia da adolescencia e a melancolía que acompaña na madurez das persoas”, son palabras do xurado dos Premios Xerais. Para recrear estes sentimentos, axuda que non fai tanto que pasou por esa etapa?
Pode ser, pero hai moitos autores marabillosos que non están tan próximos á adolescencia e tamén escriben perfectamente para xente nova. Creo que máis que unha cuestión de idades trátase de sensibilidades ou afinidades e, como eu valoro moito á xuventude e todo o que ela comporta, transmite e supón, penso que quizais vaia máis por ese lado. Gústame moito escribir para os adolescentes porque é un público estupendo xa que son moi frescos, sinceros e libres á hora de expresar as súas opinión. Tamén porque penso que si que hai algo de persoal, pois as lecturas que fixen na adolescencia marcáronme moito.


Ata outubro non teremos a oportunidade de ler ‘Europa Express’, cóntenos un pouco sobre a obra.
A novela comeza cun mozo que chega a unha cidade de Noruega e alí merca unha postal na que descubre que saen el e o seu grupo de amigos que foran fotografados nese lugar dez anos antes. A partir de aí, a historia desenvólvese en torno a varios eixos. Novela de viaxes, de intriga, de amor e con distintas voces e saltos temporais que van conformando un relato que se parece ás pezas dun quebracabezas, que se vai arranxando a medida que avanza a trama.


Evoca esa viaxe que marca a independencia. Sentiranse os adolescentes identificados cos seus protagonistas?
Penso que é un pouco iso, un momento na vida no que hai ganas de liberdade, unha procura de experiencias. É un momento de gran plenitude, ese tempo da adolescencia de querer vivir moitas cousas, novas aventuras e de querer aprender. Entón si que creo que calquera adolescente pode sentirse identificado.


Fixo o Interraíl tras rematar o Bacharelato?
Fixen a viaxe tres veces e foron experiencias marabillosas que me marcaron moito.


Entón as súas viaxes estarán reflectidas na novela.
Si, para as descricións, o sentimento que teñen de liberdade e plenitude, o que ven e viven nas cidades, si que está baseado nas miñas experiencias. De feito, estiven en todas as cidades das que falo na novela e moito do que hai si que é bibliográfico.
Todos os seus libros son para un público xuvenil, considera a opción de escribir para adultos?
Escribo literatura xuvenil por vocación e non sei o que farei no futuro. Supoño que si, que nalgún momento apetecerame escribir outras cousas, dirixirme a outro público ou explorar outros terreos. Pero, polo de agora, é un xénero que me gusta e me motiva moito porque ese contacto tan directo e máxico cos lectores dubido que exista co público adulto. Pero non descarto dar o salto á literatura doutro tipo, nunca se sabe.


Mais na poesía si que fixo incursións, chegando a acadar no 2013 o terceiro posto no XIV Premio de Poesía Díaz Jácome, por ‘Auga lonxincua’.
A verdade é que adoito escribir poesía pero é algo que gardo máis en privado porque quizais no xénero que máis cómoda me sinto e que máis me atrae é a novela.


Pensa que o feito de escribir en galego pode ser un impedimento á hora de chegar aos adolescentes?
Non creo. Penso que existen moitos prexuízos en canto aos adolescentes co tema da lectura. Considérase que non teñen interese, pero a miña experiencia demóstrame o contrario. Que si que hai un interese polas lecturas, por suposto polas que eles escollen e non polas que se lles recomendan ou que nos gustaría que leran, pero si que hai. Non atopo un gran rexeitamento por parte do lectorado mozo cara as lecturas en galego.


Comenta sempre que escribe dende pequena, cales son os libros que marcaron a súa nenez?
Son absolutamente fan dos clásicos da literatura infantil e xuvenil en galego. Foron as lecturas que nutriron esa época da miña vida ás que lle estou moi agradecida e que lembro con moito agarimo.
E quen ou que lle empurrou a comezar a escribir cando era nova?
Supoño que a miña paixón pola lectura e a que había na miña casa. Sobre todo, comecei agasallando os contos e relatos que ía facendo a miña irmá pequena, que foi a que fixo que me resultara despois moi natural escribir para a xente que era menor ca min ou adicar obras aos máis pequenos.


Estudou Filoloxía Hispánica e Galega, xa encamiñaba os seus pasos cara a literatura?
Cando me paro a pensalo, levo case toda a miña vida adicada á literatura. Porque estudei as dúas filoloxías e agora estou facendo a miña tese doutoral, polo que dende a perspectiva da investigación tamén me adico a ela, neste caso española, e tamén como docente. En realidade penso que para min a vida é a literatura, como lectora e, por suposto, como escritora.


En que está facendo a tese?
En literatura emblemática. Trátase dun xénero de literatura, no meu caso especializada en finais da Idade Media e do Renacemento español, que trata de transmitir a través da fusión de arte e palabras diversas mensaxes. É un xénero bastante descoñecido e complicado de explicar.


E este verán, que toca?
Rematar a tese. Conto con poder presentala a finais deste ano. Tócame un verán de estar no meu escritorio, traballando arreo e con moi pouco tempo libre.

Andrea Maceiras: "Un premio como o Jules Verne é un pulo importante"
Comentarios