Díaz: "O Entroido de verán terá máis asistencia que os de inverno"

O Concello de Ponte Caldelas xa ten o mesmo número de inscritos e o prazo pechará aínda o día 15

O alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, estimou este mércores que a vindeira celebración do Entroido de Verán, que se estreará o sábado día 17, "terá máis participación que as anteriores edicións do desfile en inverno. Cando menos, sen pechar aínda o prazo de inscrición, xa temos a mesma cantidade de comparsas apuntadas", indicou o rexedor, quen anunciou que "haberá dúas comparsas de Ponte Caldelas", entre outras moitas novidades desta convocatoria.

O Concello emitiu un comunicado lembrando que ata o día 15 será posible inscribirse para participar nesta convocatoria novidosa, pola que se están interesando grupos e comparsas de todos os puntos de Galicia. Un dos motivos das boas expectativas débese ao momento elixido no calendario: na primavera e sen demasiada competencia entre os eventos da comarca. E o segundo motivo para sospeitar que a idea contará con adeptos é o feito de que o Goberno tripartito aposte por premiar ás mellores comparsas e grupos. As comparsas optan a un primeiro premio de 1.000 euros, un segundo de 600, un terceiro de 450, un cuarto de 400 e un quinto de 350 euros. No apartado de grupos haberá 300 euros para o primeiro; 250 para o segundo, 200 para o terceiro e 150 e 120 euros para o cuarto e o quinto. Os disfraces individuais e as parellas estarán recompensados con 100, 70 e 50 euros respectivamente. A mellor comparsa infantil opta a 50 euros. En total, os premios sumarán 4.000 euros máis que nas edicións organizadas polo anterior Goberno local.

O alcalde indicou que a polémica creada cando se anunciou o Entroido, en febreiro, xa se esvaeceu. "A xente entendeu que hai sitio para un Entroido de inverno, a cuberto, e para esta festa de verán. Unha vez aclarado iso, xa ten aceptación".

Comentarios