Anduxía pide a Portos que no se construya un nuevo espacio deportivo en Bueu

O colectivo entende que "débense reordenar as infraestruturas portuarias que xa existen"
Banda do Río, unha das praias que Anduxía pide desafeccionar
photo_camera Banda do Río, unha das praias que Anduxía pide desafeccionar

A organización ecoloxista Anduxía vén de presentar no Concello as alegacións que lle fan a Portos de Galicia contra o documento de Delimitación dos Espazos e Usos do Porto de Bueu e do peirao de Beluso (Deup). Con respecto á rada buenense, a agrupación esixe que se retire do documento a construción dun novo espazo náutico-deportivo. Considera que a delimitación desta nova zona, que acapararía 734 metros cuadrados de terreo, "carece de xustificación real", pois "xa existe unha nave grande para deportes náuticos que linda co porto de Bueu cara o leste", na cal o Concello está realizando melloras, como o cambio da cuberta superior. Así mesmo, os ecoloxistas comentan a posibilidade de dotar de novas funcións ao edificio que se atopa na área portuaria de Beluso, construído por Portos de Galicia, "cun coste superior a 1.500 millóns de euros e con bastante polémica paisaxística". Tamén propoñen como alternativa a reordenación das casetas próximas ao porto, "co fin de aproveitar o espazo dispoñible", achegando parte delas ás necesidades que poida ter o Club de Remo.

De todas as alegacións, "esta é quizáis a máis importante", subliña o presidente de Anduxía, Xesús Framil Barreiro, pero non a única. A asociación volve a pedir a desafección portuaria das praias de Pescadoira, Banda do Río e Beluso, "praias urbanas totalmente consolidadas", tal e como recollen no documento. Trátase dunha demanda histórica que "conta con respaldo municipal", agrega Framil, pois no seu día, a Corporación fixo unha petición, por unanimidade, solicitando isto mesmo. Anduxía quere facer extensible a desafección a todo o que é a superficie portuaria de beiramar, é dicir, "todos aqueles sitios que non teñen uso portuario, como xardíns ou paseos, que deberían reverterse ao Concello de Bueu, incluíndo a rúa Montero Ríos", incide o escrito.

BELUSO. O colectivo ecoloxista achácalle tamén a Portos de Galicia a falta dunha zona que integre o espazo portuario de Beluso co pobo. Así, descrebe o entorno como "unha explanada de cemento e asfalto excesiva para un porto destas dimensións".

Propóñenlle ao ente autonómico que se estude a creación dunha superficie "de aproximadamente 500 metros cuadrados na que ubicar xardíns, que teñan árbores e bancos, un parque infantil e zonas recreativas" destinadas á veciñanza.

INCONCRECIÓNS. Dunha forma máis xeral, Anduxía solicítalle a Portos unha aclaración do encadre legal que ten a rada de Beluso, "porque non está calatogado nin como porto pesqueiro nin como porto deportivo", detallan, e acusan de diversas nomenclaturas que se lle dan ás instalacións ao longo do Deup.

Asimesmo, non coincide o número de usos portuarios entre o Deup e a lexislación. "Non entendemos", pódese ler nas alegacións, "o por que da creación de sete tipos diferentes de áreas cando a Lei de Portos unicamente establece catro".

Finalmente, lamentan que Portos de Galicia non tivera redactado o Deup en lingua galega.

En canto a Pescadoira, Anduxía solicitu unha reunión urxente co Concello e Portos para facer entre os tres actores o plan de rexeneración deste areal.

Comentarios