Ángeles Caso e Manuel Darriba gañan os premios Julio Camba e Del Riego

Alfredo Conde, Carlos Valle, Víctor Freixanes e Ramón Pernas, reunidos hoxe en Pontevedra (Foto: Gonzalo García)
photo_camera Alfredo Conde, Carlos Valle, Víctor Freixanes e Ramón Pernas, reunidos hoxe en Pontevedra (Foto: Gonzalo García)

PONTEVEDRA. Ángeles Caso e Manuel Darriba foron distinguidos hoxe en Pontevedra cos premios de xornalismo Julio Camba e Francisco Fernández del Riego, que cada ano recoñecen artigos escritos en castelán e galego, respectivamente. O de Caso foi publicado en El Magazine o 22 de xaneiro de 2012, mentres que o de Darriba o 4 de setembro de 2012 no xornal De Luns a Venres, do grupo El Progreso. Os premios están dotados con 6.000 euros cada un.

O fallo dos galardóns, convocados pola Fundación Novacaixagalia e o Ámbito Cultural de El Corte Inglés, deuse a coñecer onte a mediodía tras unha reunión do xurado no centro social na cidade do Lérez.

'Lo que quiero ahora' é o título do artigo de Ángeles Caso. Nel, a xornalista e escritora afonda nas cousas importantes da vida e fai critica a frivolidade da sociedade actual. "Y ahora, ahora, en este momento de mi vida, no quiero casi nada. Tan solo la ternura de mi amor y la gloriosa compañía de mis amigos", asegura nunha parte do artigo.

Pola súa banda, o lucense Manuel Darriba trata un dos temas de máis actualidade, a crise, no seu artigo de opinión 'Grises', unha columna coa que o xornalista colabora semanalmente con De Luns a Venres.

Nel fai unha chamada de atención sobre o tratamento mediático da recesión económica, reclamando que se faga máis fincapé na situación das persoas.

Unanimidade

O xurado estivo presidido polo escritor Alfredo Conde, mentres que o secretario foi o director do Museo de Pontevedra, Carlos Valle. A eles uníronse os escritores Víctor Freixanes e Ramón Pernas, este último en calidade de director do Ámbito Cultural de El Corte Inglés.

Alfredo Conde salientou a calidade dos traballos presentados nesta edición, 32 ao Premio Julio camba e 13 ao Fernández del Riego, aínda que recoñeceu que o número foi sensiblemente menor que no ano pasado.

Pola súa banda, Freixanes subliñou que a decisión do xurado se tomara por unanimidade. Entre outras cousas, os compoñentes do mesmo tiveron en conta que os dous artigos gañadores "son moi bos" e cumpren moi ben a máxima de falar das cousas que sempren son actuais.

Comentarios