Ánimo, Amy

Os medios de comunicación tamén nos marcan a axenda de sentimentos, queiramos ou non queiramos. Impóñennos a quen admirar, a quen querer ou a quen rexeitar achegándonos os ollos de figuras ben afastadas ou poñendo aínda máis quilómetros entre nós e quen protagonizan portadas e parágrafos. Por iso hoxe me sinto, perdoe o meu atrevemento quen lea esta columna, moi preto da cantante e compositora Amy Winehouse, estea no hospital no que estea e nas condicións que sexan.

Seguramente sinta esa proximidade pola insistencia dos xornalistas en abordar as desgrazas e esplendores da artista pero tamén polo pouco que comparto con ela e o moito que debo de ter en común coa súa sogra. Explícome: como para a nai do seu marido, Amy Winehouse é a antítese da miña nora ideal, se é que ese ideal pode existir para unha muller que, como tantas outras, venera o seu fillo, rebuscando nas tachas virtudes encubertas, e nas virtudes, grandes satisfaccións maternas.

Malia ás distancias ou precisamente por elas, gustaríame que Amy Winehouse recobrase o sentido, se é que algún día o coñeceu, e que desde o hospital no que se volve atopar elixa seguir vivindo, e vivindo dun xeito diferente. Os amigos dos ídolos pódenme retrucar poñendo exemplos mil de malditos que fixeron historia, lendas vivas pero moi mortas a destempo que non chegaron á trintena e deixaron tras de si un ronsel de poesía e arte. Eu, que son de poucos mitos, egoistamente prefiro darme a oportunidade de mitificar a Amy Winehouse en vida e de seguir gozando da súa voz cavernosa mentres o meu pésimo oído lembra a Nina Simone.

Ao cabo, agardo que os 24 anos da cantante británica non se queden retidos para a posteridade na figura de cera que está no Museo Madame Tussauds de Londres; espero, sinceramente, que o vestido amarelo que loce a boneca non fique estático e si se mova baixo os focos. De poder elixir, aínda que a elección máis parece dela que de ninguén máis, gustaríame que os seus ollos delineados cunha raia ao estilo dunha desconcertante Cleopatra seguisen abertos enriba dos escenarios para continuar cantando os seus gozos e os seus dramas vitais.

Porque estás viva, deixa de dicir “non, non, non” e rehabilítate, Amy. Sería un bo xeito de darlle na cara á túa sogra, quen, por certo, xa tivo na cadea o seu querido e ideal fillo.

Comentarios