lunes. 19.08.2019 |
El tiempo
lunes. 19.08.2019
El tiempo

Antón Lopo: "Os da miña xeración fomos todos astronautas"

O escritor Antón Lopo
O escritor Antón Lopo
Militante da resistencia poética, creou en 2016 o selo Chan da pólvora. Entre os seus títulos, 'Antoloxía da poesía galega próxima'

Séntese cómodo coa definición de poeta e xornalista?
Como non me vou sentir? Hai tres patas no banco da escrita de gran responsabilidade literaria: a do xornalista, a do poeta e a do dramaturgo.

Pero os xornalistas son hoxe peor vistos que os outros. Alguén mesmo os consideraría antagonistas.
O que hai é un grave problema na profesión que ten que ver coa credibilidade empresarial. Non coa credibilidade dos profesionais, tal e como eu o vexo. O problema está relacionado con que a maioría das empresas xornalísticas están tomando moi á lixeira a súa responsabilidade como expositores dun sentir xeral para, pola contra, adicarse a canalizar sentires de intereses moi concretos. Pero sinceiramente penso que o xornalista é un dos grandes heroes que hai na sociedade actual. Entre outras cousas porque se lle están extirpando todos os espazos nos que poder exercer con liberdade.

Comparten entón características comúns poetas e xornalistas?
Eu creo que traballan dende perspectivas similares, pero con materiais, en xeral, diferentes. O que pasa é que o seu obxectivo, como toda a literatura, como toda comunicación, pasa por lograr aproximarse a unha especie de espazo comunal, onde o diálogo entre o eu e o nós sexa fluído e nos permita comprendernos, a ti, como diferente que es, e a min, como diferente de ti.

"Creo sinceiramente que o xornalista é un dos grandes heroes de hoxe: extirpáronlle todos os espazos de liberdade"

Vén de participar nun recital do congreso Nós tamén navegar. Non soe axustarse vostede aos cánones neste tipo de actuacións públicas onde se achega ao teatro ou á performance artística. Sempre entendeu así a expresión da súa poesía ou foi algo que evolucionou co tempo?
Non sei moi ben onde poñer a fronteira do "sempre". O "sempre" é algo moi arbitrario. Somos individuos que estamos en permanente transformación. Eu o que che podo dicir é que comecei a escribir os primeiros poemas aos seis ou sete anos. Ao fío dos catorce foi candoo fixen máis conscientemente. Primeiro, entón, escribo. Pero eu pertenzo a unha xeración, a dos primeiros anos 60, que estaba envolta nun magma interdisciplinar. Dalgún xeito, os da miña xeración fomos todos astronautas. Gustounos explorar espazos interestelares, espazos que estaban máis alá da nosa realidade... Dentro de esa experiencia de astronautas, a min sempre me gustou viaxar a planetas nos que, ao mellor, a forza da gravidade fose menor que a terrestre e me permitise converter o meu corpo nun utensilio máis de proxección creativa.

Que versos escribía vostede con sete anos?
O primeiro poema que escribín estaba adicado a unha pataca (ri). Eu naquel momento vivía coa miña curmá e estabamos pelando patacas e a min deume por compoñer un poema sobre a relación dela coa pataca.

Nada costumista, logo.
En absoluto.

E cales son os versos máis recentes que escribiu?
Interésame moito o obvio. Estou traballando sobre iso: de que xeito o obvio nos impide analizar a realidade. Traballo sobre o absurdo que me resulta o obvio, como nos instalamos confortablemente nalgo que nos resulta obvio e que, sen embargo, se reparamos ben, supón unha constante agresión aos nosos principios vitais.

"A peor poesía que se pode facer é a poesía excluínte, a dunha voz monolítica e dogmática"

Entre os seus principios vitais é seguro que non está facerse rico. No medio da crise permanente que vive a edición do libro galego, non só se atreve a montar unha nova editorial cuns amigos, senón que ademais se trata dun selo especializado en poesía.
Chan da pólvora, así é. Somos un proxecto comunal, coma quen di. Por un lado está a libraría, que dirixen Alicia Fernández e Eduard Velasco, e que agora xestiona Lara Dopazo. Por un lado está esa unidade de produción e por outro está Chanzo, que é unha editorial de poesía oral, é dicir, que non edita en papel, coa que Ana Romaní e máis eu colaboramos e que dirixen Antón Blanco e Alexandre Fernández Peón. Finalmente, Manolo Martínez, no deseño, e máis eu levamos o selo editorial Chan da Pólvora. Entre todos queremos converter a poesía nunha fonte de transformación. Pero, en relación co que preguntabas, nós concibimos este proxecto tamén como unha fonte de supervivencia económica. Aínda que é evidente que neste aspecto non somos moi ambiciosos. Non hai perspectivas, non xa de facernos ricos, senón mesmo de poder chegar a mercar un coche.

O que pasa é que vostedes cren nas utopías, dígao.
Non é certo. E vouche dar datos. Ao longo deste último ano non tivemos perdas e mesmo tivemos algúns títulos, como Querido Eduardo, a correspondencia de Blanco Amor con Suárez Picallo; Suicidas, do pontevedrés Fran Cortegoso, e Camuflaxe, de Lupe Gómez, que levan tres edicións. Utópicos nos chamarán, pero está claro que hai interese e material para seguir esculcando.

Recomendaríame un poeta para ler nestes días?
Moitos. Temos nomes magníficos agora mesmo, grandes, como Afonso Traficante, Antón Blanco, Oriana Méndez... Pero eu vouche dicir tres nomes: Lupe Gómez, Carlos Lema e Brane Mozetic.

E a que autor detesta? Que poesía non lle gusta?
É dificilísimo atopar poesía que non achegue nada. A peor poesía que se pode facer é a poesía excluínte, a dunha voz monolítica e dogmática. Eu diría que a peor poesía da actualidade é a que se fai nos medios de comunicación.

Antón Lopo: "Os da miña xeración fomos todos astronautas"
Comentarios