Arte e deporte con perspectiva de xénero, unha nova aposta da UVigo

O Campus de Pontevedra acolle o mércores xornadas de debate sobre os estereotipos
Facultade de Ciencias Sociais
photo_camera Facultade de Ciencias Sociais

Reflexionar sobre o papel da muller na creación contemporánea, analizar como os artistas afondan na idea de xénero ou debater sobre os estereotipos vinculados a deportes como a ximnasia rítmica. Estes son tres dos obxectivos que conflúen nas dúas xornadas que, co patrocinio da Unidade de Igualdade da Universidade, se desenvolverán o vindeiro mércores no campus de Pontevedra. Neste día, Ciencias da Educación e do Deporte acolle Expresión artística e xénero. Unha mirada plural, unha xornada integrada por cinco conferencias centradas nos deportes artísticos e na expresión plástica contemporánea, mentres que en Belas Artes terá lugar o coloquio Entre a escena e a arte de acción. Situación actual e perspectivas das artistas galegas, no que tres creadoras reflexionarán sobre o papel da muller en diferentes disciplinas artísticas de carácter efémero.

"Con esta proposta pretendemos indagar na pluralidade de aspectos da expresión artística feminista e na súa revisión a partir do traballo de persoas do ámbito da creación en activo", sinalan as impulsoras dunha xornada que abrirán dúas conferencias sobre deportes artísticos, impartidas polas profesoras da Universidade da Coruña Elena Sierra e Marta Bobo, ambas adestradoras nacionais e xuízas internacionais de ximnasia rítmica.

"No ámbito das artes plásticas, buscamos revisitar a idea de xénero desde unha visión contemporánea e plural, entendido no sentido máis amplo, no que nos parecía tamén moi interesante ter unha presenza masculina", explica Cristina Varela, unha das coordinadoras, dunha actividade que busca tamén "achegarnos á realidade da expresión plástica actual".

Que tres artistas que teñen en común o traballo con disciplinas efémeras, como a danza, a arte de acción e as artes escénicas, acheguen ao alumnado de Belas Artes o seu punto de vista respecto da situación no que se atopan estas disciplinas en Galicia e do papel da muller nas mesmas é o dobre obxectivo de Entre a escena e a arte de acción, que se desenvolverá pola tarde na facultade.

Comentarios