Unhas 700 mulleres piden axuda no CIM cada ano

Arte, poesía, teatro e música para rexeitar a violencia machista

O Concello levará a cabo unha serie de actos para reivindicar o papel das artistas e loitar contra as desigualdades entre sexos ►700 mulleres piden axuda no CIM cada ano
Unha imaxe da presentación
photo_camera Unha imaxe da presentación

Arte, poesía, teatro e música alíanse este mes de novembro para loitar contra a violencia machista. O Concello realizará un programa cultural para conmemorar o Día contra a Violencia Machista, que se celebra o 25 de novembro.

Deste xeito, a empresa pontevedresa Martina Dadá artellou unha serie de actividades que se celebrarán entre o 14 e o 22 do próximo mes e que conforman a programación de Nós. Feminino plural, que se presentou este luns no Concello. "Este é un programa que busca empoderar ás mulleres á vez que achegamos a cultura á cidadanía", explicou este luns unha das integrantes de Martina Dada, Beatriz Mazaira. A primeira cita será a cargo da poetisa Tamara Andrés, que ofrecerá o recital Recuperar as mans o 14 de novembro ás 12.00 horas na Praza da Peregrina. O día 15 de novembro, no mesmo lugar e á mesma hora, celebrarase a performance P-Persoa Ola 1 a cargo de Teresa Búa.

Haberá oco tamén para a música cun coloquio sobre as mulleres na escena musical o 16 de novembro (Casa da Luz, 20.30 horas) e cun concerto o 17 de novembro. Na cita actuarán mulleres músicas de Pontevedra que interpretarán dous temas cada unha acompañadas por unha banda base.

Os roteiros Cunca e Nécora, xa tradicionais en Pontevedra, formarán tamén parte da programación de Nós. Feminino plural cun percorrido no que se fará fincapé na historia das mulleres da cidade, así como nos relatos descoñecidos sobre as vidas das mulleres de artistas pontevedreses. "No centro da cidade todas as prazas e rúas están adicadas a homes, por iso tivemos que facer un esforzo para indagar sobre as mulleres da cidade", explicaba onte Cora Sayers, organizadora dos roteiros.

DEPUTACIÓN. A Deputación participará tamén na programación co encontro A muller artista e o Patrimonio Cultural en Pontevedra. A cita terá lugar o 18 de novembro e dende onte quedou aberta unha convocatoria para seleccionar ás 15 creadoras locais que participarán no evento. Deste modo, serán profesores da facultade de Belas Artes os que realizarán a escolla. Do mesmo xeito, no mesmo encontro, as participantes formarán parte dun concurso co lema A muller artista e Patrimonio Cultural de Pontevedra. "Queremos visibilizar o traballo das mulleres artistas para rematar coa lacra da violencia machista", salientou o deputado provincial de Cultura, Xosé Leal.

O domingo 19 de novembro continuará a programación cun maratón teatral no que se representará a obra Fin de mes, a cargo do grupo de teatro do CIM (Teatro Principal, 12.30). A programación continuará no mesmo lugar ás 20.30 horas coa obra Puedes llorar los viernes, de Vicky Estévez, que explicou que esta peza era "unha homenaxe a todas as mulleres que loitaron ao longo da historia para que hoxe nós poidamos estar aquí sentadas presentando este proxecto, dende as 13 Rosas a Rosa Parks ou Virginia Woolf".

Os actos remetarán o 22 de novembro coa presentación do libro Invisibles, que relata as historias de sete mulleres maltratadas (20.30 horas, Teatro Principal). Este será o acto principal organizado polo Concello para conmemorar o vindeiro 25 de novembro.

Comentarios