O Festival Orixe Candente, que comezou o xoves, continuará durante esta fin de semana co seu programa de actividades no que destacan as variadas propostas musicais e os múltiples obradoiros de arte e cultura, co Malecón do Xardín como sede da maior parte dos eventos.
Este venres, a partir das 10.00 horas, abrirán os postos do mercado social, que ten lugar no Malecón. No mesmo espazo os visitantes poderán xantar churrasco ou o tradicional pulpo á feira, que comezarán a servirse ás 21.00 horas. Unha hora despois comezarán as actuacións de Ultraqans, Nota Bene, Batemento e Fanfarria Furuxa,
O sábado, a partir das 20.00 horas, haberá unha sesión de bodyjump no Paseo Román López. Ás 22.00 horas The Lákazans abriran o apartado musical, seguidos de Poetarras, Nostalghia e Raiba. Ás 2.00 horas terá lugar un sorteo no que os participantes poderán gañar unha tatuaxe gratuita, que será realizada polo estudio Hobbit Tattoo&Piercing.
O domingo, día 28, o ocio comezará ás 18.00 horas no Pavillón Municipal, que acollerá unha gala de artes marciais, posta en marcha polo Clube Roli. Pola noite, no Restaurante O Cruceiro, haberá unha mesa redonda organizada por Urco editora sobre a ciencia ficción realizada en galego.
Tras unha pausa ó inicio da semana, o martes o festival volverá á vila co recital de poesía de Yolanda Castaño, na terraza do Mesón Bermaña.
Artes marciais, ciencia ficción e música en Caldas
V. Gayoso
26 agosto 2016 02:00 h.
Continúa o heteroxéneo Festival Orixe Candente, que nesta fin de semana ofrecerá ós visitantes actividades de todo tipo