Jürgen Bott De Stuttgart a Cerdedo-Cotobade

Así voei polos ceos de Cerdedo- Cotobade en parapente

Cruzar o ceo en parapente é máis relaxado e dá moitísima máis seguridade do que un se pode pensar; o que non quita que sexa unha verdadeira experiencia de altos voos

O medo que puiden sentir cando cheguei ó alto da Serra do Cando e observei vertixinoso o val do río Lérez ós meus pés, disipouse totalmente ó despegarme do chan. A 900 metros sobre o nivel do mar, a experiencia é coma de flotar libremente sobre Cerdedo, e practicamente esqueces que estas voando polo ceo a peito descuberto cunha velocidade de 35 quilómetros por hora.

As casiñas da pequena vila de Meilide, na ladeira do monte, semellan maquetas que podes coller coa man, e centos de hectáreas de bosque prolónganse ata onde alcanzan os ollos. Unhas vistas incribles só perturbadas por algún que outro bandazo, que, lonxe de estragar a experiencia, dalle aínda máis emoción. Porque voar en parapente non é tan diferente a estar sentado no sofá... Pero con centos de metros de caída libre baixo os pés.

A sensación alí arriba é, de feito, de seguridade total, ó cal contribúe enormemente o feito de estar acompañado no voo por algún dos profesionais da Escola Municipal de Parapente. Os guías do noso "bautismo de aire", Jürgen Bott e Fernando Ortigueira, levan atravesando os ceos co parapente máis de vinte anos, e a experiencia que transmiten ó falar da súa gran afección e explicar os pasos a seguir durante o voo resulta verdadeiramente tranquilizadora.

Xulgando o movemento dos arbustos ou o voo dos aguiachos eran quen de determinar se as condicións eran óptimas ou non para o despegue, aínda que para os meus ollos de neófito o vento estivera exactamente igual toda a tarde. Son destrezas que requiren non só anos, senón tamén grandes coñecementos de meteoroloxía, e lles permiten voar coa maior seguridade. En todo caso, coma o propio Jürgen afirma, "no se puede decir que nunca pueda pasar nada", e por iso prefire ir coa máxima cautela aínda que iso supoña ter que dicirlle á xente que terán que volver outro día. En consecuencia, non nos lanzamos ata que todo estivo ó gusto dos pilotos expertos. O certo e que o seu historial de accidentes en vinte anos de escola de parapente é meritorio: só dúas escordaduras, afirman.

Fernando, que foi o piloto que me acompañou a min, recalcou a sorte que tiven co meu voo. Comigo atado diante coma se dunha silliña de bebé se tratase, foi quen de pillar as correntes térmicas ascendentes da ladeira da montaña para subir por encima do noso punto de partida no cume. Pero tampouco batín records, posto que en condicións de vento aínda máis favorables teñen conseguido chegar moito máis alto, ata o nivel das nubes. É o que ten este deporte, que o factor sorte é fundamental; outros compañeiros non tiveron tanta coma min e, ó non poder retomar altura, gozaron dun voo algo máis curtiño.

A sorte durante o voo non impediu que a miña característica torpeza saíra a relucir durante o aterraxe e caese comicamente nada máis tocar ó chan, arrastrando a Fernando conmigo pero sen maior consecuencia. O certo é que se alguén torpe e medoso coma min pode facer parapente e saír ileso, calquera pode.

O despegue e o aterraxe son practicamente ás únicas partes do voo bipraza nas que o pasaxeiro ten que facer algo, e tamén as de emocións máis fortes. Pero xa o propio piloto recalca que aínda que o fagas mal, él vai controlar toda a situación. Dou fe diso, posto que empecei a carreira de despegue correndo en dirección contraria, e cando despegamos, berro de montaña rusa incluído, pasei un bo rato axitando as pernas como tolo ata que conseguín sentarme correctamente na cadeira. Todo ben ao fin e ao cabo.

Unha vez xa estabamos no aire todo era paz e tranquilidade, só quitando os pitidos do altivario, o aparatiño que permite ó piloto saber a velocidade coa que ascende e a altura con respecto ó punto de partida. O vento golpeaba forte pero agradablemente na miña cara, e eu estendía os brazos para sentirme coma un paxaro. A verdade é que estaba flipando, só me faltaba algo de música para o relax absoluto.

Despois de vinte minutos, o voo rematou, pero a sensación de estar a centos de metros do chan acompañoume un bo rato máis e tiven que tombar na herba. Non vou dicir nada profundo e manido do estilo de "voar, o gran soño da humanidade", pero a verdade é que é toda unha experiencia. A pesar de estar cuberto de pés a cabeza de arneses e proteccións e amarrado ao piloto coma se foses unha alxibeira, o que esta claro e que sentes o ceo na propia pel, e sentir iso algunha vez ben paga a pena.

Pero claro, un dos principais obstáculos á hora de voar en parapente é o custo que supón. Un voo bipraza en Cerdedo-Cotobade, que adoita durar entre 15 e 20 minutos, custa uns 67 euros. E posuír o teu propio parapente, varios miles de euros. Sen embargo, Jürgen non considera que sexa un deporte excesivamente caro en comparación a outros: "no es muy distinto de lo que te puede costar una buena bicicleta de deporte o incluso un buen equipamiento para correr". O que si que é certo é que a crise económica reduciu especialmente o número de alumnos interesados en aprender a voar de forma independente que recibían na escola. Isto tamén se debe á elevada formación e práctica requirida para facelo, maior do que moitos esperan nun primeiro momento. En todo caso, destaca que en canto a voar, o parapente e de lonxe a opción máis barata.

Tamén lle quita ferro á fama de perigosidade que se asocia a este tipo de deportes aéreos, considerando que o risco non é distinto ó de bañarse no mar ou coller o coche. Non sei se será o mesmo, pero dende logo, a experiencia de voar un mesmo serve para cambiar totalmente as ideas preconcibidas que temos sobre este deporte.

Comentarios