A Asociación de Pescadores Chirleu esixe un embarcadoiro no peirao de Aguete, en Marín

As instalacións sufriron danos en decembro de 2013 e dende entón é perigoso acceder ó peirao dende as embarcacións

A directiva da Asociación de Pescadores Chirleu leva dende xaneiro de 2013 esixíndolle a Portos de Galicia unha mellora para o porto de Aguete. Aínda non obtivo resposta.

A petición desta asociación é simple, xa que só solicita a instalación dun embarcadoiro para a chalana ‘de barqueo’ na dársena do porto. Os temporais de decembro de 2013 fixeron máis urxente esta necesidade, xa que dende entón os usuarios e os socios teñen que empregar un tiravira situado na punta do peirao. A situación é incluso máis perigosa cando hai mareas vivas, o que incrementa o risco de accidentes.

SEN RESPOSTA. Este grupo de pescadores segue esperando unha resposta de Portos de Galicia. A directiva subliña tamén a perigosidade de non mellorar estas instalacións: «A situación na que se atopa o peirao é moi precaria e de dificultade extrema para a maioría de socios, que son persoas de idade avanzada. Non quereríamos ter que lamentar un incidente».

A asociación conta cun total de 227 socios, aínda que son moitos os usuarios que fan uso destas instalacións con frecuencia. Non se descarta a convocatoria dalgún tipo de mobilización para reivindicar o seu dereito a gozar dun contorno seguro para o uso das súas embarcacións. «Estamos dispostos a facer valer os nosos dereitos tomando as medidas que sexan oportunas ata que se atenda a nosa solicitude», sosteñen os membros daasociación. Mentres tanto, terán que seguir expoñéndose a un risco facilmente corrixible.

BUEU. A Praza Massó converterase un martes máis no escenario perfecto para que os nesos se divirtan aprendendo. Ó habitual espectáculo de monicreques da noite engádeselle o obradoiro ‘Diversión’, que se celebrará de 11.00 a 13.00 horas ó lado do edificio do concello.

O festival infantil da mañá contará con varias actividades de carácter inclusivo: coreografías de chachachá, contacontos, un taller de marcapáxinas e unha xincana de xogos. Este evento está organizado polo Concello de Bueu, en colaboración coa Asociación Xoán XXIII, Pinga Teatro e Argo Navis. Estará aberto a rapaces de seis a doce anos.

Os monicreques volverán a conquistar a noite do martes, esta vez da man da compañía Tiririmaña e o seu espectáculo ‘Carmina Brañolas e as tarañolas máxicas’. Ó longo desta obra, que comezará ás 21.00 horas, os rapaces poderán interactuar coas marionetas e os instrumentos que irán descubrindo ó longo da historia de dous amigos, Carmiña e Charrasquiño.

Comentarios