As asociacións Boa Vida e Amarante, unidas na loita contra a pobreza

Entre as actividades programadas para o último cuadrimestre do ano están a Escola de Verán e unha campaña de volta ás aulas
O local do centro de consumo responsable da rúa Santa Clara acollerá algúns dos eventos
photo_camera O local do centro de consumo responsable da rúa Santa Clara acollerá algúns dos eventos

As asociacións Boa Vida e Amarante, que comparten emprazamento no local do centro de consumo responsable, situado na rúa Santa Clara, repasaron este luns as campañas e citas que levarán a cabo no último cuadrimestre do ano e que teñen por finalidade sensibilizar sobre a defensa da natureza e os dereitos das persoas e loitar contra a pobreza e outras situacións de exclusión social.

Na presentación dos proxectos que están programados participaron Aida Fernández, voluntaria de Amarante; Pepa Vázquez, coordinadora de Boa Vida, e Aurora Coego, educadora social de Boa Vida.

A sexta edición da Escola de Verán, promovida por Boa Vida, ten como obxectivo primordial "mellorar a través do traballo e a formación continua", segundo Aurora Coego.

A asociación Boa Vida rebaixará o prezo dos produtos para os máis pequenos con motivo da campaña Volta ó Cole

O proxecto, que conta coa colaboración da Xunta de Galicia e o Cemit, comezará mañá, rematará o xoves e desenvolverase na Aula Cemit do concello de 9.30 a 13.00 horas. O mércores, as novas tecnoloxías serán o eixo central da actividade, mentres que o xoves xirará arredor das empresas de inserción. Ademais, o mércores haberá unha mesa redonda co nome Empresas de Inserción. Economía e solidariedade no centro de consumo responsable. O límite de prazas é de 15, mais é precisa unha inscrición previa de xeito físico ou a través das redes sociais para poder participar.

Seguindo con esta filosofía desenvólvese tamén a campaña Volta ó cole. "Sabemos do esforzo que supón para as familias o inicio do curso", explica Pepa Vázquez. Por iso, Boa Vida rebaixará o prezo dos produtos para os máis pequenos. Así, haberá roupa, calzado e material escolar a partir dun euro. Para complementar esta iniciativa, terá lugar o sorteo dun lote de libros de literatura infantil e xuvenil entre os primeiros 50 clientes. Por último, a última semana de cada mes todo estará a metade de prezo. Isto xa está en marcha dende este mes e chegará ata novembro.

outras actividades. Á parte da Escola de Verán e da campaña Volta ó cole, a asociación Boa Vida ten previstas diversas iniciativas encamiñadas a concienciar sobre a importancia do coidado do medio ambiente, loitar contra a pobreza e recadar fondos.

Deste xeito, continúa o obradoiro permanente de reciclaxe e habilidades sociais, comezarán en setembro as actividades do grupo Particip-ando e, por último, a campaña Consume-nós, organizada por Amarante.

Comentarios