Atopan un novo esqueleto dun neno na Lanzada

Os arqueólogos rematarán as escavacións a finais de mes
Os restos óseos do cativo atópanse en mal estado.
photo_camera Os restos óseos do cativo atópanse en mal estado.

Os restos doutro corpo dun menor foron atopados na mañá de onte nas últimas escavacións que os arqueólogos da Deputación de Pontevedra están a facer no xacemento da Lanzada. Os ósos, que se atopan en mal estado de conservación, foron achados a uns 16 metros ao Leste da localización dos anteriores enterramentos de varios corpos de cativos, tal e como precisaron fontes da máxima institución pontevedresa. Tras unha primeira inspección crese que corresponderían a un menor de dous anos que, pola curvatura que presentan algúns dos ósos atopados, podería ter algún problema físico.

O achado realizouse nun emprazamento moi próximo a unhas estruturas que o equipo de arqueoloxía aínda está pendente de clasificar, para poder determinar a súa idade aproximada. Tras os últimos restos de cerámicas e da pulseira atopados en días pasados, este sería o achádego máis importante da última área de escavación. De feito, apenas quedan uns 16 metros cadrados de escavación para concluír esta fase no xacemento de A Lanzada.

A institución presidida por Carmela Silva confirma que "nuns días o persoal da escavación vai comezar a preparar os noiros e a conservación das estruturas atopadas antes de dar por rematada a intervención no xacemento".

Desde que os arqueólogos provinciais retomaran os traballos de escavación na Lanzada durante o pasado verán, atopáronse xa máis de 15.000 pezas de cerámica e outros achados.

Comentarios