Autismo norcoreano

A combinación de sucesión dinástica (Kim 3!) e a reafirmación como potencia nuclear de Corea do Norte, incorpora un dobre plus de incerteza á evolución política de Pyongyang. Confirmándose agora o desmentido ataque cerebral de hai un ano, Kim Jong-Il (67 anos) sorprendeu relativamente coa designación do seu terceiro fillo, Kim Jong-Un, o chamado a asumir o relevo, sempre nese marco brumoso de misterio e enigma que acompaña as vicisitudes deste país.

A incongruencia dun réxime auto definido como comunista a practicar a sucesión hereditaria é tan ridícula coma os motivos que seica levárono a optar polo terceiro nivel da liña sucesoria. O primeiro fillo é vulnerable por ser admirador confeso de Eric Clapton e o segundo por facer o pámpano ao tentar entrar en Xapón con identidade falsa para visitar nada menos que Disneylandia.

En teoría, a palabra de Kim Jong-Il vai a misa, pero non se descartan sorpresas dada a probable espera, quizais longa, que podería consumir a transición sucesoria e as ambicións e desconfianzas dos xerarcas militares. Kim terá que manobrar e facer uso abondo da súa autoridade persoal para lograr a plena aceptación do seu favorito e evitar que entren outros competidores na carreira.

A decisión do máximo líder serve para trasladar certa idea de continuidade do réxime, reforzándoo internamente, e asegurando esa aparente solidez das institucións estatais que apuntalan o sistema.

O empeño en lograr a arma atómica, os tiros de mísiles de curto alcance e a preparación de novos ensaios de mísiles balísticos fornecen o nivel de tensión necesaria cos países veciños e con EEUU. Kim Jong-Il está no seu ambiente. A pesar de todo, non parece probable que intente nada serio. A China interésalle o máximo de estabilidade na súa porta e é o único valedor diplomático e económico co que realmente pode contar. Non pode arriscarse a estragar esa relación.

Pero a perigosa combinación de agresividade e imprevisión aboca a retomar o diálogo baixo a ameaza constante de que a obsolescencia do réxime e o fracaso estrepitoso do seu modelo económico son dunha debilidade tal que, dun momento a outro, pode reducir a cinzas ata esa aparente firmeza atómica que lle outorga o poder para negociar un novo acordo de axuda, derrubándose á primeira de cambio coma se dun castelo de naipes se tratase. Ou iniciando unha fuxida cara adiante de imprevisibles consecuencias.

Comentarios