Autoaprezo e cosmopailanismo

Atopei noutronte un antigo compañeiro de colexio na coruñesa praia de Riazor.

- Mira Xoán Antón, o que fixo o xerente do pub ese de Sanxenxo, ao suspender o concerto de Mónica de Nut ao terceiro tema tivo moi pouco estilo, pero tamén é  verdade que ese local ten maioría de veraneantes madrileños e non entenden o jazz cantado en galego.

- Home, Tito, ese día estaba inzado de seareiros galegos da artista. Pero que eu saiba   escoitamos a ópera en italiano ou alemán, en inglés a The Corrs, Leonard Cohen ou Bruce Springsteen. O deste tipo é pura censura, motivada polo seu carácter intolerante e pola súa falla de cultura e educación.

- Pero Xoán, para atraer o turismo non podemos andar co da cultura galega, temos que nos abrir máis a España. Teríamos que mirar máis polo español, que é o noso.

- Iso é un erro de concepto, meu amigo. O turismo que interesa é o que ven coñecer a os nosos recursos. Nós non podemos nin queremos competir en sol, praia e alcol barato. E a xente non ven a Galicia para ver touradas, feiras de abril ou Oktoberfests, porque se buscara cousa desa iría a Andalucía ou a Bavaria. Ven por sermos nós, polo noso clima, cultura, lingua, costumes e gastronomía

- Pero o da cultura galega estando ben limita moito... Hai que abrirse ao mundo.

- Estou dacordo e de feito penso que a nosa literatura, as nosas artes plásticas, o noso folk,o noso jazz, pop, rock ou hip-hop están a facer un enorme esforzo de evolución e apertura ao mundo. O que ocorre é que en Madrid teñen moi claro que queren ocupar os espazos das culturas periféricas, porque iso supón facturación. Canto hai que non canta en galego un dos nosos artistas nunha TV estatal?

- Pero á nosa xente góstanlle as touradas e as sevillanas.

- Non, oh!. Na Coruña non hai touradas este ano por falla de interese cidadán e semella que en Pontevedra cada vez hai máis oposición e menos afecto popular. Pertencer a unha peña para ir de troula non é gostar das touradas. As touradas, as sevillanas e outras exoticidades son produto dunha mentalidade cosmopailá moi interiorizada nas concellerías de Festas de moitos gobernos locais, que son os que están a mal investir cartos públicos en espectáculos sen raigame nin afeccionados. É polítiquería pura.

Comentarios