Autoridades galegas e lusas chaman a seguir "estreitando lazos" durante un acto no Parlamento

O Pazo do Hórreo acolleu a presentación dun libro e a inauguración dunha exposicion sobre as illas Azores
Presentación do libro 'Viaxe á illa do Corvo. As Azores, 1924', no Parlamento
photo_camera Presentación do libro 'Viaxe á illa do Corvo. As Azores, 1924', no Parlamento

Autoridades galegas e portuguesas chamaron este xoves a seguir "estreitando lazos" e a "aproveitar os vínculos" existentes entre ambos os territorios durante a presentación dun libro e a inauguración dunha exposición sobre as illas Azores no Parlamento de Galicia.

De feito, na súa intervención, o xefe do Lexislativo autonómico, Miguel Santalices, lamentou que os territorios a ambos os dous lados da raia viviron "de costas demasiado tempo", ata a "abolición da fronteira" que supuxo a entrada de España e Portugal na Unión Europea.

A partir de aí, saudou, a "boa veciñanza" existente entre os cidadáns das zonas limítrofes dotouse de "ferramentas" que permitiron "recuperar o tempo perdido". E nesa liña citou a Lei Paz Andrade, de fomento dos vínculos de Galicia coa lusofonía.

Tras apuntar a gran cantidade de falantes que teñen no mundo tanto o español como o portugués, defendeu "aproveitar" o "distanciamento" do Reino Unido tras a súa decisión de abandonar a UE e o "previsible declive do inglés" para pór en valor ambos os idiomas. Segundo as súas palabras, é o momento de facer valer na Unión Europea o "potencial lingüístico" dos dous países a ambos os dous lados do río Miño para "propiciar" un achegamento das institucións e países comunitarios ao mundo hispanoamericano e á comunidade lusófona.

"RAÍZ COMÚN". Tamén sobre a "raíz común" destas dúas linguas "diferentes" falou a presidenta da Asemblea Lexislativa de Azores, Ana Luís, quen incidiu na importancia de "seguir estreitando lazos e compartindo coñecementos" con Galicia.

Así mesmo, o secretario xeral de Política Lingüística da Xunta, Valentín García, puxo o foco nos "lazos evidentes e moi fortes" entre Galicia e Portugal e fixo votos por que os vínculos se sigan "reforzando". 

Pola súa banda, o presidente da Real Academia Galega (RAG), Víctor Fernández Freixanes, apelou a facer "un esforzo de irmandade" entre a cultura galega e a portuguesa, así como coa do resto de pobos da península, non sen lamentar que ás veces é máis fácil estar ao día do que ocorre en Estados Unidos que ao noso lado.

Finalmente, no acto tomaron a palabra os profesores Urbano Bettencourt e Xesús Alonso Montero, para profundar na obra de Raúl Brandao sobre a súa viaxe ao arquipélago dos Azores e que, na edición bilingüe presentada este xoves, céntrase na illa de O Corvo.

Comentarios