Axenda cultural para Pontevedra 2014

PON0201P44F5.JPG
photo_camera PON0201P44F5.JPG

PONTEVEDRA. A música marcará de xeito contundente a primeira parte do ano cultural pontevedrés. Farao a través do festival lusófono Cantos na Maré, que esté ano estará adicado a Rosalía de Castro, e do ciclo de concertos ‘Imperdibles’, da promotora Esmerarte, que traerá á capital da provincia, entre outros, a Eli Paperboy Reed e Fanfarlo.

Cos últimos edificios do Museo inaugurados (Sexto e Sarmiento) queda pendente ver por que exposicións se decanta a Deputación Provincial para enchelos de contido. De xeito parecido, haberá que prestar especial atención ao que suceda nos edificios da Fundación Novacaixagalicia, despois dun 2013 no que o Moderno se repartiu as funcións de Centro de Maiores e sala de exposicións mentres o Centro Social quedou reducido ao seu auditorio.

Cita importante se prevé que sexa o Salón do Libro Infantil e Xuvenil, que este ano celebra a súa 15º edición, e moi interesante será ver se refrenda ou non o éxito do que foi o primeiro festival de música pop e rock que se celebrou na Illa das Esculturas, o Surfing the Lérez.

‘As xoias e o seu reflexo’

Con todo o mundo pendente das exposicións temporais que acolle o que presume de ser «o mellor museo provincial de España», en palabras de Rafael Louzán, a Deputación decidiu inaugurar o 31 de xaneiro, no Sexto Edificio, a mostra ‘As xoias e o seu reflexo’, unha selección da colección do propio Museo.

Ana Moura + Cantos na Maré

O festival lusófono Cantos na Maré (11 de xaneiro) supera a súa década de vida cun espectáculo adicado a Rosalía de Castro no que participarán Vítor Ramil, Amancio Prada, Budiño, Luiz Caracol e Gabriela Mendes. Fóra do festival, a nova estrela do fado, Ana Moura, tamén actuará na capital da provincia (25 de xaneiro). Entradas á venda en servinova.com.

Surfing the Lérez

Un dos acontecementos culturais do ano en 2013 foi o traslado do festival Surfing the Lérez á Illa do Covo. Arizona Baby, Los Tiki Phantoms e Holywater, entre outros, arrastraron a centos de persoas de todas as idades ata a Illa das Esculturas. Organizadores e Concello teñen ante si o reto de facelo medrar.

150 anos do Conservatorio: epílogo

Do conxunto de actividades anunciadas para festexar o ano pasado o 150º aniversario do Conservatorio de Música de Pontevedra queda pendente a que prometía ser unha das máis interesantes: unha exposición sobre a historia da institución acompañada do seu catálogo.

‘Cociñando contos’

Do 14 de marzo ao 5 de abril celebrarase o Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra. Na súa 15º edición, o evento leva como lema ‘Cociñando contos’. Entre outras cousas xa se anunciou unha homenaxe conxunta aos autores que ata o momento apadriñaron o evento.

Novos espazos culturais

A apertura do centro cultural Portal 48 súmase aos novos espazos que en Pontevedra se afianzan como referentes da cultura alternativa: do Liceo Mutante á Libraría Paz. Esta última é unha das máis activas do sector (xunto con Cronopios) á hora de compoñer unha programación cultural permanente de balde.

Temporada teatral

Ana Milán e Fernando Guillén Cuervo protagonizan ‘El diario de Adán y Eva’, unha obra que forma parte da temporada de teatro do Centro Social Novacaixagalicia. Tamén están aí ‘Mujeres de Shakespeare’, de El Brujo, ou a primeira incursión do CDG no teatro norteamericano da man de Eugene O’Neill.

‘Las altas presiones’

Á espera de que saia adiante a rodaxe de ‘Apocalipsis Z’, película baseada no bestseller de Manel Loureiro, e outras producións da pontevedresa Matriuska, quizais poida chegar a estrearse nos festivais a finais de ano ‘Las altas presiones’, a última película do marinense Ángel Santos.

Culturgal, con unllas e dentes

Ninguén fala xa dunha posible itinerancia da Feira das Industrias Culturais de Galicia. Pontevedra semella que definitivamente será a sede permanente do Culturgal, que revalida un éxito de público cada inverno. Tralos sucesivos recortes, a organización apelou en 2013 á «corresponsabilidade» e promoveu o micromecenado para que se siga celebrando. A ver que pasa en 2014.

‘Imperdibles’

Fanfarlo (Reino Unido), Vetusta Morla, Zoé (México) e Eli Paperboy Reed (USA) son os protagonistas do ciclo ‘Imperdibles’, que se celebrará no Pazo da Cultura entre o 15 de febreiro e o 14 de maio. Entradas: www.servinova.com.

Comentarios