A bandeira azul é izada de novo en once praias da costa de Sanxenxo

Adeac, a entidade encargada de outorgar a distinción, inicia unha campaña de prevención de afogamentos nos areais de Baltar e Silgar
O alcalde en funcións, no izado da bandeira azul na praia de Pragueira
photo_camera O alcalde en funcións, no izado da bandeira azul na praia de Pragueira

A bandeira azul ondea xa nos once areais do municipio recoñecidos con este distintivo: Areas Gordas/A Lapa, Baltar, Bascuas, Canelas, Foxos, Major, Montalvo, O Espiñeiro/A Lanzada, Paxariñas, Pragueira e Silgar. Dez destas praias, todas a excepción da de Bascuas, foron ademais galardoadas coa Q de Calidade, cuxa bandeira indicativa foi izada conxuntamente cas bandeiras azuis.

Estas once distincións volven colocar a Sanxenxo, un verán máis, como o municipio con máis bandeiras azuis do Estado. Ademais das praias, tamén as posúen o porto do municipio e o Centro de Interpretación Ambiental As Telleiras.

Ademais, Galicia repite como a segunda comunidade con máis praias recoñecidas, 113, pero perde dez con respecto ao ano anterior. Estas perdas aumentan a distancia que a separa da Comunidade Valenciana, que obtivo catro novas bandeiras azuis e suma un total de 129.

Estas distincións outórganse en función de diversos factores, como a calidade da auga, a accesibilidade, a acumulación das algas, o mantemento, a adecuada presencia de socorristas ou a información medioambiental dispoñible. Adeac, Asociación de Educación Ambiental y del Consumidor, é a encargada de entregar o distintivo en España, que tamén se outorga en todo mundo a través de entidades asociadas. A nivel global estas organizacións privadas coordínanse na FEE, Foundation for Enviromental Education.

CAMPAÑA DE PREVENCIÓN. A propia Adeac, co propósito de transmitir nocións básicas de prevención de afogamentos e de actuación ante estes incidentes, instalará este xoves na praia de Silgar e mañá na de Baltar dúas carpas con actividades para nenos e adultos.

Na primeira carpa daranse consellos básicos de prevención para nenos de entre 3 e 12 anos. Os participantes realizarán diferentes actividades, coma a de debuxar un dos consellos recibidos nunha camiseta. Posteriormente elixirase a máis orixinal nun concurso. Na segunda carpa, orientada a un público adulto, impartiranse nocións de reanimación cardiopulmonar e entregarase material informativo sobre esta práctica.

Comentarios