Baobab volve con 'Pum, pum!' ao festival de teatro de Ciudad Rodrigo

A última montaxe do grupo pontevedrés foi seleccionada para a feira castelá-leonesa entre máis de 1.000 propostas escénicas
Andrea Bayer e, ao fondo, Davide González durante un ensaio de 'Pum Pum!'
photo_camera Andrea Bayer e, ao fondo, Davide González durante un ensaio de 'Pum Pum!'

O último espectáculo da compañía pontevedresa Baobab, Pum, pum!, verase na XX Feria de Teatro de Castilla y Lelón, que ten lugar esta semana en Ciudad Rodrigo. A nova montaxe de Andrea Bayer e Óscar Ferreira, que se estreou no último Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, foi seleccionada entre máis de 1.000 propostas escénicas nacionais e internacionais para formar parte dunha programación na que finalmente entraron 44 espectáculos, segundo informa Baobab.

Andrea Bayer participou en varias ocasións na feira de Ciudad Rodrigo. Fíxoo unha vez coa súa anterior compañía de teatro, Galitoon, e en tres ocasións máis xa con Baobab. Precisamente Baobab, agrupación fundada en 2010, recibiu o premio ao mellor espectáculo infantil neste evento en 2015 pola obra titulada Luppo, coa que tamén foi finalista aos Premios Max de teatro ao ano seguinte.

Andrea Bayer participou neste evento, que premiou a ‘Luppo’ en 2015, con Galitoon nunha ocasión e con Baobab noutras tres

A protagonista de Pum, pum! é Marieta, unha nena de cinco anos que vive rodeada de portas. Cada unha desas portas conta unha historia, pero unha delas garda un segredo, unha historia que nunca contou. "Pum, pum! é un espectáculo tenro que fala das historias cotiás dos nenos, pero que tamén manda unha mensaxe clara: dende moi pequenos deben saber que ninguén os pode obrigar a facer cousas que non queren facer", explica Baobab sobre o argumento.

PROTAGONISTAS. Dirixido por Óscar Ferreira, este espectáculo conta enriba do escenario con Andrea Bayer, tamén responsable do guión, e co actor e músico Davide González. Daniel Abalo é o encargado do deseño de luz e son e José Manuel Vidal colaborou no deseño da escenografía con Ferreira.

A Feria de Teatro de Castilla y León celebra este ano o seu vixésimo aniversario convertida nunha referencia no sector escénico. Polos seus escenarios pasarán, entre o 22 e o 26 de agosto, 44 compañías que ofrecerán outros tantos espectáculos de distintos xéneros e estilos: do teatro clásico á danza pasando pola teatro de rúa ou o teatro musical. En total representaranse 52 funcións e unha ducia das montaxes serán estreas. O aniversario aproveitarase ademais para estreitar lazos con Portugal, que protagoniza o apartado internacional.

Comentarios