Barro regou a abafante calor con bo viño

Despois da cerimonia de entrega de galardóns da Festa do Viño deu inicio a sardiñada popular

A Festa do Viño de Barro despediu este domingo a súa XXXVIII edición con moita calor, pero cunha ferramenta para combatela que, sen dúbida, non se podía atopar noutros eventos celebrados esta fin de semana: o viño fresco para aplacar as altas temperaturas.

Esta circunstancia fixo que, sen dúbida, a convocatoria fora unha das que contaron con un público máis agradecido de poder probar os viños dos colleiteiros da localidade.

A xornada tivo como punto central a entrega de premios da cata deste ano. Os galardóns da categoría de albariños foron para as adegas Señorío de Rubiós, Moraima e Pazo de Bouciña, respectivamente.

Despois da cerimonia de entrega de galardóns deu inicio a sardiñada popular, coas tradicionais colas de veciños e visitantes para a degustación gratuita do peixe recién asado e do pan de millo.

No campo do Pazo da Crega foron alternándose ás actuacións do grupo de danzas Amor Ruibal e da Charanga Compostela.

Outros dos responsables de achegar unha nota de diversión ao evento foron os participantes na V Xuntanza de Lambrettas e motos clásicas.

A festa despediuse pola noite, co concerto conxunto do grupo A Roda coa Banda Xuvenil de Barro. Esta convocatoria conmemorou o vixésimoquinto aniversario da formación musical local, e o cuadraxésimo cumpreanos do grupo de música tradicional.

A festa, cuxa programación se iniciou o xoves, reuniu a centos de persoas en Barro ao longo de toda a fin de semana e volveu a reivindicar a calidade dos caldos deste concello e a importancia do sector vitícola no seu tecido socioeconómico.

Comentarios