Beiras ve nos incendios forestais "unha estratexia de desertización" de Galicia

O histórico dirixente do nacionalismo galego, Xosé Manuel Beiras, acusou á política forestal da Xunta de Galicia de ser a "gran culpable" dos incendios por estar "ao servizo dos grandes consorcios" madeireiros. "Eles son os que queiman o monte. Isto forma parte dunha estratexia de desertización deste país. O culpable é Feijóo, que é un miserable, un traidor, un fascista. Non vale pedir a dimisión, hai que botalo aínda que sexa a cantazos", aseverou este domingo Beiras durante a manifestación que reuniu a 10.000 persoas en Santiago baixo a lema de Lumes Nunca Máis.

Deste xeito, acusou ao PP de facer "anti política" desde a Xunta de Galicia, unha institución que está "ao servizo dos grandes consorcios que controlan a utilización da madeira, que queren simplemente madeiras de ciclo curto".

"Un amigo meu biólogo dicíame: neste país conseguiron que no monte teñamos unha bomba de resina e unha bomba de alcol. A bomba de resina son os piñeiros e a bomba de alcol os eucaliptos", declarou Beiras, quen engadiu que existe unha "estratexia de desertización do territorio galego.

Ademais, cre que todo iso "forma parte de toda a estratexia de golpe de estado" que, di, se esta levando a cabo "a nivel do Estado español". "Vannos converter en servos se non nos movemos como estamos a facer, empezando por Cataluña pero seguindo por nós. Todo forma parte da mesma historia", remarcou.

Comentarios