A biblioteca entre bastidores

Documentos ► Entre os fondos da Biblioteca Antonio Odriozola atópanse algúns dos exemplares máis antigos de Diario de Pontevedra que se conservan, de 1897, a colección de libros e fotografía de Muruais ou volumes incunables (do século XV) que chegaron á institución tras a desamortización de Mendizábal, en 1836
Sobre estas liñas, a directora da biblioteca amosa un álbum de fotografías da colección Muruais
photo_camera Sobre estas liñas, a directora da biblioteca amosa un álbum de fotografías da colección Muruais

Un século e medio de historia dá para acumular un bo lote de tesouros. O ‘backstage’ da biblioteca de Pontevedra é un compendio de reliquias de todos os tempos en forma de libros, manuscritos, revistas, periódicos ou fotografías. Só de cando en vez os usuarios teñen acceso a ditos fondos, que na súa meirande parte están dixitalizados.

Tras as salas de lectura da Biblioteca Antonio Odriozola hai unha morea de recunchos que permanecen ocultos para os usuarios e que custodian obras de gran valor. Con motivo da celebración do Día do Usuario, a institución abriu onte ao público as portas que sempre permanecen pechadas para amosar algúns dos seus tesouros en forma de libro. A guía da visita polas instalacións do arquivo da biblioteca foi a directora da mesma, Pilar Fernández Ruiz.

Unha morea de estantes paralelos os uns aos outros esténdense ao longo dunha enorme sala na que se gardan os exemplares. Un marcador pendurado na parede mide a humidade no ambiente. Uns 30.000 volumes -os que forman parte dos depósitos de fondo antigo- permanecen colocados uns tras outros con aspecto quebradizo, tapas de coiro e tons escurecidos. "Dúas veces ao ano fumigamos para evitar plagas de insectos ou fungos por mor da humidade", explicou Fernández Ruiz mentres amosaba os libros. Entre os tesouros desta sala, a directora da biblioteca amosou unha biblia políglota cuxos textos aparecen transcritos a cinco idiomas. O volume data do ano 1600.

A historia da biblioteca de Pontevedra vai parella aos procesos de desamortización que tiveron lugar ao longo do século XIX, especialmente á protagonizada por Mendizábal en 1836. A expropiación dos bens eclesiásticos para devolverllos ao pobo fixo que unha morea de obras que até entón pertencían aos mosteiros e igrexas fosen parar a mans públicas. Foi así como en febreiro de 1849 abriu as súas portas a primeira biblioteca da cidade, no Instituto Provincial de Segunda Ensinanza (actual Edificio Sarmiento). Os fondos de mosteiros da zona, como o da Armenteira ou o de Lérez, nutriron aquela primeira biblioteca que puxo as obras a diposición dos usuarios. Tras varios cambios, a biblioteca instalouse na súa sede actual en 1987.

"Moitos destes libros pasaron polas mans de Valle Inclán"


MURUAIS. Unha das coleccións máis importantes que conserva a biblioteca é a de Muruais, un intelectual pontevedrés do século XIX cuxos volumes foron comprados polo Ministerio de Cultura para pasar a formar parte dos fondos da institución. Novelas francesas e inglesas da época con cubertas chamativas e cheas de cor enchen alomenos catro estantes de tamaño considerable de arriba a abaixo. "Moitos destes libros pasaron polas mans de Valle Inclán", explicaba Fernández. Xunto á literatura do século XIX, entre as pertenzas de Muruais, tamén se suman instantáneas da época asinadas por fotógrafos do momento e protagonizadas por personalidades da política ou da arte como Baudelaire ou Emile Zolà. Outros retratos están protagonizados por cupletistas ou cantantes de ópera francesas e españolas.

Nas salas do arquivo da biblioteca apenas queda unha balda para acoller os novos libros que pasen a formar parte do seu arquivo. "Non temos espazo e xa non podemos recoller todos os libros que nos doan", indicou Fernández. E é que nos fondos da biblioteca tamén hai vinte manuscritos, moitos deles escritos e encadernados con pergamiños reutilizados, e 1849 libros raros dos séculos XVI, XVII, XVIII. Entre a morea de obras que acumula a biblioteca nas salas ás que só pode acceder o persoal que traballa na mesma tamén hai unha hemeroteca con exemplares de publicacións periódicas.

Pilar Fernández amosou onte a enorme sala que funciona como hemeroteca e amosou os andeis infinitos cheos de periódicos avellentados. Os exemplares máis antigos de Diario de Pontevedra que se conservan están nela e datan de 1897, malia que este periódico se inaugurou en 1889. "Creo que o Museo de Pontevedra ten algún número algo máis antigo, pero está moi deteriorado. Quizais algún particular garde algún Diario de antes, pero é difícil de conseguir". A guerra de Cuba é a protagonista dese xornal de maio de 1897 e varios anuncios aproveitan ao máximo o espazo que dá o papel, de tan mala calidade que semella a punto de desintegrarse.

Pero, sen dúbida, as dez xoias da biblioteca de Pontevedra son os dez exemplares incunables (volumes do século XV). "Eses están no meu despacho", sorría onte a directora da institución. Máis tarde, Fernández amosaba o libro ‘Summulae Logicae’, un incunable que data de 1489 e asinado polo Papa Xoán XXI. Non é o libro máis antigo da biblioteca. "Temos outro un pouco anterior, pero por pouco", remataba a directora.

Comentarios